Que é o inclusivo Camiño SenLímites

 

Que é o inclusivo Camiño SenLímites?

É unha senda inclusiva na que se realizan diversas actividades e que percorre parte do máxico camiño que une, pola beira do mar, a Costa da Morte, organizada pola Federación Provincial de ANPAS da Coruña -Costa da Morte, en colaboración coa Asociación Deportiva e Cultural Rompendo Límites,  xunto co colectivo de estudantes do IES Agra de Leborís Ciencia Sen Límites ao que se suman máis entidades, posto que este é un proxecto colectivo aberto. E que agardamos siga a medrar!

O  Camiño SenLímites 2018 está baseado na aprendizaxe cooperativa, por proxectos, inclusión educativa e a cooperación entre a comunidade educativa, dese xeito contaremos con diversas Científicas e Científicos Sen Límites que nos amosarán novos coñecementos. Agardamos por eles!!!
O resultado desa aprendizaxe desemboca o 17 de marzo do 2018 nuns roteiros que fan de fíos condutores ou de soporte para a realización de diversas actividades en equipo.

No Camiño SenLímites poden participar grupos de persoas diversos, heteroxéneo. A inscrición é de xeito individual ou colectivo a través de entidades deportivas, colectivos de Necesidades Específicas, ANPAs, asociacións diversas,… constando de varios roteiros que inclúen diversas actividades como visitas a museos, charlas diversas (historia e historias da zona, efectos da nosa situación xeográfica,…e outras actividades socioeducativas,…en comunidade e coa colaboración de distintos ponentes, entre eles, alumnado diverso de centros educativos, ecoloxistas, investigadores, artistas…

Organización Básica.

Contamos  coa colaboración dos concellos polos que pasan os roteiros (Carballo, A Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana, Zas, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee, Carnota, Fisterra), xunto ao concello de Carballo que xa no 2017 colaborou con infraestrutura e furgoneta para coche escoba, transporte.
Necesitamos voluntariado técnico formado e outros non necesariamente formado, coordinadoras dos diversos grupos participantes, contratamos 3 tipos de seguro (Resp. Civil, Accidentes de voluntariado e o individual de participantes).

É imprescindible contar con algo básico (sen iso é imposible pode organizar case nada):
Capacidade de compartir, ser empáticos, estar abertos a aprender (de tod@s @s participantes) en cada roteiro, e ganas de pertencer a unha comunidade afectiva.

Como é concibido o Camiño SenLímites?

É concibido como unha estratexia inclusiva a longo prazo. A través do Camiño SenLímites colaboramos na visibilización da necesidade de abordar e responder á diversidade de persoas e sensibilizar na necesidade de reducir a exclusión dentro e fóra do sistema educativo.
Ou sexa, o obxectivo transversal do inclusivo Camiño SenLímites, onde participan tanto persoas con ou sen discapacidades, é permitir que todas e todos nos sintamos cómodos na diversidade na que vivimos, percibíndoa non como un problema, senón tamén como unha oportunidade para enriquecer as formas de ensinar, aprender e convivir.

O Camiño SenLímites transformouse nunha alianza natural con diversas asociacións da contorna. Asociacións que promoven que a diversidade das persoas superen os obstáculos e dificultades na súa contorna para poder participar plenamente na vida da súa comunidade.

Son necesarias tantas alianzas?

Si. É necesario visibilizar que vivimos nunha realidade complexa que require apoios para que, entre todas e todos, de xeito cooperativo rompamos barreiras co obxectivo de conseguir unha sociedade máis equitativa e xusta; que permita vivir dun xeito máis independente e cómodo posible máis aló das limitacións e dificultades que teñamos. En resumo, iso é o Camiño SenLímites.

Viki Rivadulla resume en poucas palabras que é o Camiño SenLímites:
“Ademais de amosar a fermosura do noso patrimonio sirve para socializar, para rachar barreiras e para dicir que, xuntos, non hai límites”