Altura de miras pedimos nós, Sr. Presidente
Pídenos o presidente Feijóo que teñamos “altura de miras” porque “non se pode esixir nas aulas o que logo non hai quen esixa nos recreos ou na vida ordinaria”. Debe ser por iso polo que o protocolo da xunta esixe nos recreos 1,5 metros de distancia, a mesma que nos piden nas rúas ou nas praias, e nas aulas redúceo a un metro sen máscara, ou menor distancia aínda con ela posta.
Tamén di que está sorprendido pola postura dos sindicatos, e nós entendemos que tamén pola das familias; quizais procurar a nosa colaboración, escoitarmos entre todas antes de tentar impornos unha normativa incomprensíbel, tería contribuído, e moito, a que nin el nin as demais estiveramos realmente sorprendidas da incapacidade –xa proverbial neste pandemia- da consellaría de educación da Xunta que el preside.
As familias non somos epidemiólogas, como colectivo polo menos. E sabemos que esta situación é difícil. Somos conscientes de que as solucións de máximos non sempre son posíbeis, e de que isto non ten un xeito doado de resolverse. Pero tampouco somos parvas de todo.
Resulta moi curioso que as normas da Xunta traian como consecuencia non gastar nin un céntimo máis en educación pública, é sorprendente que, casualmente, as normas sanitarias coincidan en manter nas aulas ao total da súa ocupación, cando non hai ningún sector social de agrupamento que non teña limitacións, ou do que non se indique que debera telas. E non en moitos hai o nivel de ocupación que hai nas aulas.
Sorprendémonos de que as bibliotecas só poidan ocuparse ao 50 %, as salas de profesores precisen 1,5 metros de separación entre eles, os recreos manteñan esa distancia de 1,5 metros, así como os comedores escolares, pero pola contra nas aulas abonda un metro, ou menos coa máscara posta, ou que no transporte escolar non haxa distancia mínima necesaria.
Sorpréndenos a sobreabundancia de xel hidroalcólico no que se van empapar as nosas fillas e fillos, o coidado militar de entradas, saídas, corredores, e servizos, cando logo nas aulas todo vale con tal de non incrementar nin unha soa praza docente ou de persoal coidador.
Altura de miras, presidente, é exactamente o que temos as familias e do que carece a consellaría de educación; porque a altura de miras fai referencia á perspectiva de futuro. E o futuro que vemos na saúde das nosas fillas e fillos é moi complicado con este protocolo deshonesto que está enriba da mesa. As solucións non son doadas, e ofrecémonos a traballar para poder acadalas, pero mirar para outro lado e pretender que non vai pasar nada, non é unha solución, é un absoluto abandono de responsabilidades, que é o que ten a Xunta neste momento: “Baixeza de miras”.
Comentarios recentes