Señoras e señores da consellaría de Educación: O CURSO REMATOU, NA PRÁCTICA, O 12 DE MARZO DE 2020.

O CURSO REMATOU, NA PRÁCTICA, O 12 DE MARZO DE 2020
Todo o que se fixo a partires de aí, e todo o que se poida facer mentres dure o confinamento, debe ser exclusivamente acompañamento, apoio educativo ao alumnado, atención psicolóxica, afectiva, mantemento da conciencia de grupo, de coidar a relación co centro escolar, coas compañeiras e compañeiros e co profesorado, que pode dar seguridade.
O que temos que facer coas crianzas e adolescentes pechad@s nas súas casas é traballar polo seu benestar emocional mental, non por un curso académico que non hai maneira de retomar sen deixar a moito alumnado atrás.
Non podemos asumir, de ningunha maneira, a trampa de imaxinar que o alumnado e profesorado galego está vivindo unha situación sequera minimamente normalizada. Á administración galega parécelle que si, polo menos polo silencio que mantén.
Hai que traballar para o vindeiro curso.
A partires do mes de setembro (e tamén debería ser posíbel neste confinamento) terán que verse todos os mecanismos compensatorios da situación actual.
O próximo curso ten que comezar onde paramos o 12 de marzo; e teremos que traballar para que iso non supoña un sobre esforzo inasumíbel para boa parte do alumnado. Toca un mes de setembro de apoio masivo e un outubro con inicio normal das aulas.
Repetirémolo até a saciedade: é obriga de todas, e responsabilidade de todas, non deixar a ninguén atrás. Iso si sería cumprir o que todo o mundo enuncia estes días: “Este virus parámolo xuntas”.
Para que as palabras non se limiten a ser bonitos enunciados que non significan nada, avaliemos até o 12 de marzo e traballemos polo inicio do vindeiro curso.
Comentarios recentes