Pero, onde está a consellaría de Educación? Covid-19 e os efectos dos inxustos recortes no Ensino Público Galego

Como ben sinala a Confederación ANPAS GALEGAS, as familias estamos confinadas nas casas, seguindo o criterio que nos marcan as autoridades sanitarias, que son as que rexen neste momento a vida civil. Entendemos que é lóxico e aceptámolo sen reservas.
Ninguén pode pretender neste momento que haxa un futuro definido, é absurdo pensar se as ABAU van ser en xullo ou setembro, se o curso se vai prolongar ou comezará antes o próximo, se haberá segunda avaliación ou se vai ficar refundida coa terceira, se hai terceira; todo isto está no aire, porque é secundario diante da emerxencia sanitaria. Novamente entendémolo e aceptámolo.
Pero encontrámonos cun Ensino Público Galego falto de modernidade, un profesorado cunha maioritaria vontade de traballar aínda que sen medios ao seu alcance, unha consellaría que nos gasta a broma de publicar este luns pasado unha “guía rápida para o uso da aula virtual dun centro educativo”. E logo antes onde estaban ? En que estaban a traballar?
E, por suposto, todo absolutamente descontrolado, sen homoxeneidade dentro do territorio galego, producíndose novamente unha vaga de desigualdade non atendida; hai nenas e nenos ás que lles cadrou ter un profesorado actualizado, e unha infraestrutura informática acaída nas súas casas, esas aínda reciben algo de axuda neste confinamento.
Pero as que non teñen esa infraestrutura -que nunca foi obrigatoria- , ou as que teñen profesorado que non é quen de prestarlles esa axuda, porque non sabe, non pode, porque se cae a rede ou a aula virtual, están totalmente abandonadas.
Isto do coronavirus non podía preverse, certamente, pero estamos vivindo, ademais do problema sanitario, as consecuencias de termos un ensino non inclusivo, con enormes diferenzas no territorio e no soporte socio-económico familiar, un ensino abandonado á súa autorregulación constante, no que os profesionais teñen a formación que queren ter, as direccións seguen os criterios que consideran, e a consellaría resposta a todo co seu mantra cotián da “autonomía dos centros escolares” , e, por riba de todo, temos o Ensino Público que responde a unha política de anos de recortes, de recortes económicos, infraestruturais, de persoal, de recursos, e – desgraciadamente- de dirección e xestión.
Cando isto pase, teremos moito que dicir sobre esta consellaría e o seu modelo excluínte e trasnoitado, moito.
Comentarios recentes