A Confederación ANPAS GALEGAS presenta alegacións ao Anteproxecto da Lei do Xogo de Galicia
A Confederación ANPAS GALEGAS, que está formada polas federacións: Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca – FOANPAs, Federación Galega de ANPAs COMPOSTELA, Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Ferrolterra, FEANPAS Ferrolterra, Federacións de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos do Val Miñor, Federación de ANPAs de centros públicos de Cangas do Morrazo, Federacións de ANPAs do Condado-Paradanta e Louriña, FANPO, Federacion provincial de ANPAs de Lugo FAPACEL e a Federación Provincial de ANPAS da Coruña – Costa da Morte, presentou alegacións ao Anteproxecto da Lei do Xogo de Galicia:
– Defendemos unha Lei que teña por obxecto a necesidade da prevención e o coidado da poboación galega, nomeadamente da mocidade, considerando sempre negativas as prácticas de xogo, non simplemente unha norma de autorizacións administrativas, e queremos:
– que nesa norma se habiliten todas as seguranzas para que ningunha persoa menor de idade poida utilizar os centros de xogo, e que o incumprimento desta prioridade traia sancións de elevada contía para os responsables dese control.
– que eses centros de xogo estean situados a non menos de 500 metros dos centros educativos, lugares de lecer, centros comerciais, espazos deportivos, e calquera outra lugar onde de acotío haxa presenza xuvenil maioritaria.
– que se prohiba toda a publicidade sobre o xogo, tanto en medios escritos como audiovisuais; e que a Xunta de Galicia defina a obriga de facer publicidade que alerte sobre as consecuencias negativos do xogo.
– que a aplicación da norma non teña excepcións, e que non se consoliden as instalacións existentes, senón que se vexan obrigadas a cumprir toda a normativa co mesmo rigor que as novas autorizacións, en especial no que se refire ás distancias cos centros educativos.
– Reclamamos a creación dun Observatorio Galego do Xogo, no que queremos estar representadas.
– Rexeitamos activamente o concepto que introduce o anteproxecto de “xogo responsable”; non existe xogo responsable e o seu simple enunciado está dando unha mensaxe positiva dunha práctica que non o é en absoluto.
Comentarios recentes