Remata un ano cheo de traballo e de esperanza (no seguinte)
Rematamos un completo ano 2018, cheo de actividades diversas.
Comezamos no mes de xaneiro cunhas xornadas de formación sobre Contabilidade e Fiscalidade nas ANPA , e reivindicando á consellaría de Educación que proporcione unha mellor atención, profesorado e medios aos centros de Ensino Público. Tamén, no ámbito interno, asinamos un contrato para establecer as novas medidas de protección de datos que marca a LOPD.
En febreiro levouse a cabo a presentación pública do Camiño Sen Límites 2018, un camiño que está baseado no traballo cooperativo, organizado pola nosa federación, e no que colabora a Confederación ANPAS GALEGAS, a asociación Rompendo Límites, ANPAs e toda a comunidade educativa, colectivos de atención á diversidade e concellos. O Camiño reivindica a atención á diversidade no Ensino e en todos os ámbitos da vida.
En marzo e abril continuamos coa formación, nesta ocasión sobre seguridade xurídica nas ANPA, seguros RC, Acc. voluntariado e de accidentes nas actividades. Mentres recibimos a información, a través da confederación ANPAS GALEGAS, que a Valedora do Pobo lle dá a razón sobre a escolarización de crianzas múltiples.
En maio a nosa federación de ANPAs, a Confederación ANPAS GALEGAS e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que maioritariamente levamos tantos anos loitando contra da LOMCE, chamamos ao boicot das inxustas Reválidas 2018 e contra a LOMCE. Un boicot a etiquetar ás nosas fillas e fillos. Un boicot a este gasto inútil de tempo, esforzo baleiro e cartos públicos.
En xuño de 2018 presentamos unha solicitude de derrogación da LOMCE a integrantes da Comisión de Educación do Congreso d@s deputad@s.
Neste mes integráronse novas ANPAs. Un ano máis o medre da federación de ANPAs mantívose constante.
Nos meses de verán non paramos moito, a situación actual das escolas do medio rural, nomeadamente aquelas situadas en bisbarras con menor poboación, motiva o noso posicionamento na defensa dos servizos públicos de educación no medio rural. Presentamos informes ás administracións correspondentes.
En setembro reclamamos, como fixemos no seu momento xunto á Confederación ANPAS GALEGAS, que os comedores de centros públicos galegos sexan xestionados directamente pola consellería de Educación, sen empresas privadas intermediarias.
E recibimos a información de que a consellería de Educación, do mesmo xeito que a Valedora do Pobo, tamén lle dá a razón á nosa confederación: non hai que separar a fillas e fillos múltiples nos centros de ensino.
En outubro rematamos en Fisterra o Camiño SenLímites, un camiño de 11 etapas nas que reivindicamos, visibilizamos, fixemos amizades, compartimos espazos, inquedanzas, actividades e historias que nos enchen a mochila da vida.
E organizamos no Ézaro as Xornadas ANPAS GALEGAS “Arredor de nós” coa temática “As ANPAS, a situación actual, as realidades, problemas, seguros, normativas, lexislación, xestión, diversidade”.
En novembro colaboramos na realización das propostas da Confederación ANPAS GALEGAS para a modificación da Lei Orgánica de Educación, solicitando unha vez máis a derrogación da LOMCE. E publicamos un resumo dos libros necesarios nas ANPA e diversa documentación a ter en conta para o seu correcto funcionamento e organización.
Rematamos o peche de ano da federación, celebrando no local de Carballo un fin de ano adiantado, onde fixemos entrega dos diplomas ao voluntariado, participantes e colaboradores do Camiño Sen Límites. Un camiño que, entre outros obxectivos, reivindica o dereito da atención á diversidade.
Comentarios recentes