Reunión de Organización da III Edición do Camiño SenLímites 2018, en Carballo
O 19 de xaneiro, ás 19: 30 h, no local da Federación Provincial de ANPAs da Coruña – Costa da Morte pretendemos darlle una revisión, con diversos colectivos e asociacións, xunto coa imprescindible colaboración da asociación Rompendo Límites, á III Edición do Camiño SenLímites que percorrerá a Costa da Morte, desde Caión a Fisterra.
Queremos convidar a todas as entidades, asociacións que traballan na inclusión, de necesidades específicas, NEAE… colectivos de sendeirismo, clubes deportivos a colaborar na súa organización.
O Camiño SenLímites 2018 está baseado no traballo cooperativo entre a comunidade educativa e outros colectivos, na inclusión educativa e en todos os ámbitos da vida.
O resultado desemboca o 17 de marzo do 2018 nuns roteiros que fan de fíos condutores ou de soporte para a realización de diversas actividades en equipo.
Como é concibido o Camiño SenLímites?
É unha estratexia inclusiva. A través del colaboramos na visibilización do necesario que é abordar e responder á diversidade de persoas e, asemade, sensibilizar na necesidade de reducir a exclusión dentro e fóra do sistema educativo. Axuda a que todas e todos nos sintamos cómodos na diversidade na que vivimos, percibíndoa non como un problema, senón tamén como unha oportunidade para enriquecer as formas de ensinar, aprender e convivir.
A quen vai dirixido?
A todas as persoas (sen límite de idade), entidades, clubes deportivos… que queiran desfrutar deste camiño. A inscrición (gratuita) é de xeito individual ou colectivo a través de entidades deportivas, colectivos de Necesidades Específicas, ANPAs,asociacións diversas,…
Estes 12 roteiros inclusivos (comezan o 17 de marzo e rematan o 27 de outubro) realizados en sábado pola tarde, ofrecen a posibilidade de gozar do contacto coa natureza e das paisaxes máis fermosas da nosa costa. Cada etapa contará con voluntari@s de apoio, membros de Protección Civil dos concellos por onde pasa, ambulancia…
A Federación Provincial de ANPAs da Coruña – Costa da Morte ten contratado seguros de accidentes de voluntariado e outro de participantes, ademais do seguro de Responsabilidade Civil.
Nesta inclusiva terceira edición do Camiño SenLímites teremos a ocasión de gozar do tempo ao aire libre coñecendo algúns dos lugares de maior riqueza natural e inaccesibles, até agora, para a diversidade de persoas que participemos. Uns roteiros onde partillaremos experiencias en igualdade, un motivo da existencia desta III edición do camiño inclusivo. Porque este Camiño SenLímites dinos que nunca debemos perder o dereito a incluír, a compartir, ao recoñecemento da diversidade porque, senón, perderemos o dereito a ser libres.
Por iso, vemos interesante convocar no devandito local, ás 19:30 h. a todas as entidades interesadas á reunión para falar da organización deste roteiro Inclusivo e Participativo que, entre todas e todos, faremos máis atractivo e novedoso.
Como chegar ao local? Clica aquí
Convidámosvos a visualizar un pequeño resumo da edición anterior que, entendemos, será do voso agrado
https://www.youtube.com/watch?v=B4o_sQxqjEc
Comentarios recentes