Mobilízate en contra da LOMCE o 16 de febreiro!!!
MOBILÍZATE EN CONTRA DA LOMCE O 16 DE FEBREIRO!!!
Nin LOMCE.
Nin pactos educativos fraudulentos.
Nin recortes en Educación
Convidámosvos a participar nas mobilizacións do 16 de febreiro en contra da LOMCE
Nos últimos anos as/os estudantes galegas levaron a cabo as maiores mobilizacións estudantís en defensa do ensino público galego.
Foi necesario saír á rúa para loitar contra a implantación da LOMCE múltiples veces.
No pasado trimestre, conseguimos tumbar as reválidas, aspecto principal da LOMCE que mantiña en vilo a toda a comunidade educativa.
Mais non é suficiente con eliminar as reválidas, dados os moitos outros aspectos prexudiciais para o ensino público que a lei inclúe: a computación da materia de Relixión para a media, a blindaxe dos concertos educativos con centros privados eliminándoos dos públicos (de todas e todos), a Formación Profesional Dual, a recentralización de competencias educativas ou a desprotección do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo na aprendizaxe, a redución de horas do galego como lingua vehicular no ensino, a retirada ou recortes de bolsas de axuda,…
Aínda que agora se abra un horizonte de posíbel pacto pola educación entre as forzas políticas, este pacto será papel mollado desde o comezo se parte de premisas como estas, se toma a LOMCE como base e simplemente modifica os aspectos polémicos, mentres se mantén a mercantilización do ensino público.
Non podemos acreditar nun pacto pola educación que non contemple a participación de toda a comunidade educativa e que se siga a facer de costas ao colectivo estudantil do noso país, das nosas fillas e fillos.
E NA UNIVERSIDADE?
Tampouco é suficiente que se elimine só parte da LOMCE cando despois, no ensino universitario, se aplicará o Decreto do 3+2.
Primeiro, co Plan Boloña, a consagrada homoxeneización cos outros sistemas universitarios que todo o vale e todo o sacrifica supuxo que as carreiras pasasen de 5 a 4 anos, e para que estas valesen algo, había que completalas con mestrados, algúns deles restritivos para o acceso a determinadas profesións.
O sistema encarecíase, posto que non son o mesmo os prezos dos mestrados – que por se for pouco, en moitas ocasións teñen que realizarse en universidades privadas – que os dos graos, e xerábase un proceso de devaluación e especialización dos coñecementos. Os graos empezaban a desempeñar un rol xenérico, que tería que ser complementado cos posgraos.
Deste xeito, só quen tivese suficiente poder económico para cursar un posgrao podería estar especializado, ou mesmo capacitado para traballar en determinada profesión, quedando as restantes, como man de obra barata, desamparada, nas fauces dunha lexislación laboral famenta de precarias. Porén, como xa se sospeitaba desde a chegada de Boloña, o sistema do 4 + 1 era tan só unha ponte para a futura integración nun sistema máis radical de 3 anos de grao e 2 de posgrao.
O encarecemento da formación completa coa implantación deste modelo non é difícil de imaxinar, un ano medio de grao vale 713€, un ano medio de posgrao – público – vale máis do dobre, 1501€.
Esta situación é insostíbel para o alumnado das clases populares galegas, e con máis razón cando a isto temos que sumar as taxas, o aumento do financiamento privado na universidade pública, o recorte orzamentario no ensino ou a redución nas partidas para Bolsas.
Pola construción dun pacto educativo adaptado ás necesidades do ensino galego e do que o estudantado sexa parte activa, pola non aplicación do Decreto do 3+2 e contra os recortes no ensino público, desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocamos unha folga estudantil no ensino medio e universitario para o próximo 16 de febreiro, con mobilizacións ás 12 da mañá nas sete cidades e en moitas máis vilas do país e concentracións ás e 19:00 e 19.30 h.
Comentarios recentes