Non ficamos caladas, non pertencemos a ninguén!
O manifesto 25 de novembro contra as violencias machistas da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza “PAREMOS O FEMINICIDIO” comeza sinalando que a violencia de xénero é unha práctica que se remonta ao inicio da sociedade patriarcal. Durante séculos as mulleres foron asasinadas baixo o silencio e a complicidade do seu entorno social, as leis, a relixión e a cultura imperante…
Hai 25 anos, no ano 1990, a ONU declarou, por primeira vez, que a violencia contra as mulleres era o crime máis encuberto do mundo. Porén, na nosa sociedade aínda perdura a idea de que a violencia exercida contra a muller, sobre todo se quen a exerce é a súa parella, é un asunto privado.
A violencia considerada como un asunto privado deixou de ser invisible para a sociedade e para as institucións, grazas ao esforzo, á denuncia e a constancia dos movementos de mulleres e do feminismo. Persoas expertas na violencia de xénero afirman que está directamente relacionada co poder e a xerarquía, coas relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres.
O manifesto afírmase que estamos vivindo día a día un feminicidio contra o empoderamento feminino. Homes que asasinan as mulleres motivados polo odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade. Homes que a través da violencia tentan impedir a liberdade das mulleres. Feminicidio que a sociedade contempla narcotizada, acostumada aos titulares informativos da aparición doutra muller ”morta” a mans da súa parella ou ex-parella, en vez de falar de asasinatos.
Facemos nosas as expresións de rexeitamento da violencia contra as mulleres, queremos apoiar e alentar a resistencia e a rebeldía para construír un mundo novo, unha vida libre de violencias para as actuais e as futuras xeracións de mulleres.
Na Costa da Morte, o colectivo Buseranas convídanos a participar no Día Contra a Violencia de Xénero, o vindeiro 25 de novembro.
Buserana estará presente cun acto – na praza 8 de marzo de Cee, a partir das 19: 30 h.- e diversas actividades nas que agarda a nosa participación, porque combater o machismo asasino é cousa de tod@s. Cantas máis sexamos na loita, menos posibilidades de sermos unha menos.
Mobilízate e acude! (https://www.facebook.com/Buseranas/?fref=ts)
Do mesmo xeito, en moitos centros educativos das comarcas están programadas actividades de coeducación, ou a feira das asociacións en Carballo,…Participa activamente!
1 Response
[…] http://www.fedanpas.gal/2015/11/1045/ […]