Comeza un novo curso e a consellaría de Educación activa os recortes no Ensino Público
Xa dou os primeiros pasos un novo curso escolar en infantil e primaria e en nada arrinca en secundaria e bacharelato; coma ven sendo cotián nos últimos anos, o principal problema deste comezo de curso é a insuficiente dotación de profesorado que provoca desatención para as necesidades especiais e que impide ese punto de atención suplementaria que faría que moitos dos nosos alumnos e alumnas se incorporasen con normalidade ao ritmo dos seus compañeiros e compañeiras, no canto de ser encamiñados cara o fracaso escolar.
Comezamos si, pero doídos porque a consellaría de Educación deixa moias situacións sen arranxar, algo que nos preocupa enormemente, sendo a consellería suficientemente coñecedora delas.
Podemos poñer moitos exemplos que nos enviaron as ANPAs pero, para non saturar o documento, imos sinalar algún:
para o actual curso escolar foi eliminada á praza de Audición e Linguaxe do CEIP Canosa –Rus, quedando compartida media praza de AL.
Falta profesorado de apoio en Ed. Infantil, nunha das rutas do transporte quedaran 3 nenos sen praza, 20 alumn@s sen praza para o comedor, no ximnasio non poderán realizarse actividades xa que este espazo agora será utilizado como comedor, por este motivo todas as actividades se trasladan ao pavillón, o cal non está nas mellores condicións de uso (non hai vestiarios, hai filtracións de auga e humidades, o solo non é axeitado para algunhas actividades) e as obras aínda non comezaron no colexio de Sofán (Carballo) .
E en moitos centros educativos concédense medias prazas a tempo parcial de PT e AL, cando se necesitan a tempo completo.
No CPI de Cabana de Bergantiños teñen AL compartido con CEIP de Ponteceso, cando se necesita a tempo completo e están sen o PT no colexio de secundaria.
No CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco quedou sen cubrir a praza dunha profesora xubilada.
En Malpica e Buño teñen que compartir AL e Orientación.
No colexio de Laxe necesítase un mestre –titor. Do colexio de Baio (Zas) desaparece unha praza de profesor.
Tamén desaparecen prazas de profesorado no colexio dos Muiños en Muxía, PT compartida e de Inglés a media xornada.
No colexio da Silva (Cerceda) reducen horario das cociñeiras, pásase a sistema de cátering.
No colexio de A Picota – Mazaricos xuntan niveis / cursos distintos.
No Otero Pedrayo da Laracha non remataron as obras da primeira fase do centro e xa estamos a comezo de curso.
Por outra banda, a desatención na que se atopan as familias que só agora en setembro coñecen que os seus fillos e fillas pasaron ao curso seguinte, á hora de participar nos “bancos de libros” organizados pola administración educativa. Estas familias non presentaron as solicitudes correspondentes a finais do pasado curso ao non coñecer con claridade cal ía ser o nivel no que se atoparían os seus fillos e fillas neste curso que comeza, e agora atópanse en situación de desigualdade fronte a aqueles que si puideron facelo. A apertura puntual de novos prazos de solicitude podería solucionar esta situación dun xeito doado e sinxelo.
Non podemos deixar de dicir que esta problemática non existiría se a Xunta de Galicia, tal e como demandamos toda a comunidade educativa, volvera ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto, e fornecera aos colexios públicos do material escolar, xenérico e específico, que precisaran para o seu alumnado; sen entorpecer a xestión docente con insuficientes e caóticos procedementos de axuda parcial que non garanten nin sequera minimamente o dereito constitucional a un ensino obrigatorio gratuíto.
Comentarios recentes