Este luns, 3 de agosto, tivo lugar a reunión co Partido Popular da Costa da Morte.
Na reunión comentamos que a Federación de ANPAs da Costa da Morte e Xallas amosa ser un excelente resultado de dous anos de traballo en común e de experiencias compartidas entre as ANPAs. Esta federación xurde de xeito natural, sustentada nunha igualdade de criterio naqueles aspectos de maior transcendencia, de xeito que formamos unha voz común que defende o Ensino Público Galego no noso ámbito de actuación, unha voz sustentada nunha ampla base social, no territorio da Costa da Morte e, agora tamén, na comarca de Xallas. Unha voz que está a ser cada vez maior, máis activa e máis respectada.
Polo tanto, é o comezo dunha nova etapa de traballo onde as ANPAs deben ser o lugar onde se artelle a participación das familias na vida dos centros, colaborando co profesorado e coa dirección dos mesmos, mais tamén coas administracións locais, para a mellora da educación e da vida das nosas fillas e fillos.
O traballo en equipo é o lugar axeitado onde xurde a demanda permanente sobre a Administración Educativa, na denuncia das evidentes necesidades e na formación de alternativas viábeis e solucións permanentes.
A postura dos representantes do PP foi atenta e respectuosa, aínda que non exenta do lóxico debate. Por outra banda, amosáronse sorprendidos do considerable medre da federación de ANPAs “Costa da Morte” e do tamaño da confederación de ANPAS GALEGAS.
1 Response
[…] Este luns, 3 de agosto, tivo lugar a reunión co Partido Popular da Costa da Morte. […]