Valoramos positivamente o rexeitamento á Reválida de Primaria
A federación de ANPAs da Costa da Morte que, como é coñecido, apoiou calquera decisión que as familias adoptaron para expresar o seu rexeitamento ás reválidas, mesmo a de non enviar as súas fillas e fillos ao colexio nos días programados, valora positivamente a responsabilidade das familias ao decidir, de xeito maioritario e persoal, non enviar as crianzas ao centro para que fosen etiquetadas de xeito absurdo e antipedagóxico.
Desde a consellaría rebaixaron as porcentaxes a niveis tan ínfimos que resultan incríbeis, errando na valoración. Pero, a administración quere facer valoracións, por exemplo do sistema educativo? Pois para mellorar o sistema, hai algo mellor que preguntarlle aos membros da comunidade educativa, ao profesorado, ás familias, á propia administración, e tamén e sobre todo ao alumnado, incrementando os recursos educativos e enviando a LOMCE ao lixo.
Interróguese lealmente a cada unha/un de nós e compóñase o resultante para facer unha diagnose certa das carencias do sistema, das súas capacidades e posibilidades de mellora, nun proceso que será amplo e participativo pero útil para abandonar o camiño esperpéntico da LOMCE que nos está levando ao fracaso, en primeiro lugar o daqueles que abandonan, máis tamén dos que permanecen e non reciben o ensino que precisan por culpa da implantación desta nociva lei antieducativa.
Comentarios recentes