Convocamos asembleas abertas sobre as reválidas en varias localidades da Costa da Morte
A federación de ANPAs da Costa da Morte convoca asembleas abertas para nais e pais co obxectivo de informar sobre as reválidas.
Nestas reunións contaremos coa presenza de integrantes do sindicato maioritario no Ensino Público Galego, CIG Ensino, que amosaron a vontade de colaborar con nós para explicar o desenvolvemento da orde de aplicación das reválidas e solventar as dúbidas que poidan xurdir.
As ANPAs da Costa da Morte afirmamos que non hai ningunha razón que xustifique que unha nena ou neno de 8 anos teña que pasar a presión dunha proba sobre materia que non coñece e que non vai servir absolutamente para nada, que non achega nada e que non lle serve a ninguén.
É unha aberración, desde o punto de vista pedagóxico, someter o alumnado de 8 anos a unha presión innecesaria, mediante unha proba que o vai avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e considerar as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes.
A Federación de ANPAs da Costa da Morte, integrante da Confederación ANPAS GALEGAS, oponse á realización da Reválida de 3º de Primaria (27 e 28 de maio) e apoia calquera decisión das familias que exprese o seu rexeitamento a esta proba, mesmo a de non enviar aos seus fillos e fillas ao colexio nos días nos que se programe.
LOCALIDADES
Baio – Zas, A Laracha, Vimianzo, Carballo (2), Cee, Agualda – Coristanco, Laxe.
Comentarios recentes