A emotiva xornada do 28 de febreiro das ANPAs da Costa da Morte
Moitas grazas a todos por acompañarnos na emotiva xornada deste sábado 28 de febreiro. Houbo de todo: unha primeira parte de formación e unha segunda que encheu de emoción a flor de pel o Pazo de Cultura de Carballo.
Imaxes da xornada de formación e entrega de premios ANPAs da Costa da Morte (Rosalía e Werto)
A primeira dedicada á xestión das ANPAs que tivo os seguintes apartados:
– normativas, funcionamento, contabilidade, lexislación que nos afecta e Orientación e Apoio Escolar, a organización e funcións.
Elvira Lombao Vila, secretaria da Confederación de Anpas Galegas, Pepe Bustelo Tarrío, tesoureiro da federación de ANPAs da Costa da Morte e Pablo Balsas Barbeira, Orientador do IES M. Romero de Lema de Baio Zas explicáronlle ás representantes de ANPAs todo o relativo a estes asuntos.
Na segunda parte fíxose entrega dos II premios Ensino Público da Costa da Morte.
Uns premios que reivindican o dereito á Educación, un dereito de todas e todos que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis, porque todas e todos sabemos que só a través do ensino público se pode traballar na inclusión educativa, minorar as diferenzas sociais e formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia.
– O premio Rosalía (en defensa do Ensino Público), que homenaxea aquelas agrupacións, colectivos…que loitan pola defensa do Ensino Público, tendo en conta a dificultade no desenvolvemento das súas actividades, foi entregado á asociación de NEAE Aloumiños da Costa da Morte polo seu activismo na INCLUSIÓN real no eido socioeducativo, a cal vai máis aló da mera integración do alumnado NEAE nos centros de ensino ordinario.
A asociación non só está a vivir o día a día da realidade das diversas necesidades, traballando a prol dunha mellor atención desas pequenas persoas que máis adiante serán cidadáns adultos, autónomos e libres na nosa sociedade. Están axudándonos a coñecer e comprender a realidade educativa específica. Amosándonos que a inclusión é identificar e responder á diversidade das necesidades de todo o alumnado a través da maior participación na aprendizaxe e reducindo a exclusión na educación. Iso involucra cambios e modificacións nos contidos, estruturas e estratexias educativas e, tamén, unha visión común incluínte o e a convicción de que é a responsabilidade do sistema educar a todas as nenas e nenos, tendo en conta as diversas características, intereses, capacidades e necesidades de aprendizaxe.
– O premio Werto (en contra do Ensino Público) amosa os “méritos” daqueles grupos, individuos ou colectivos…que atacan ao Ensino Público, que degradan a súa calidade, ou aproban leis para o seu desmantelamento. Foi concedido ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Pero non se presentou!
Para dar a benvida ás persoas asistentes ao acto contamos coa presenza de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, mestre, membro da Plataforma galega en Defensa do Ensino Público que sempre estivo disposto a colaborar en todo o que fixese falla.
Na súa intervención, chea de anécdotas, animounos a seguir traballando moito na defensa do Ensino Público Galego xa que, sen educación, a sociedade ten un difícil futuro. Tamén nos lembrou que seguiramos contando con el para o que faga falla no obxectivo de tentar conquerir eses xusto obxectivos.
Para rematar, a marabillosa actuación das poetas de María Lado e Lucía Aldao
Lucía Aldao e María Lado afirmaron, coa súa actuación artística que a lectura de poesía non é unha arma para adormecernos. Realizaron un recital ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co público, fixeron uso da música en directo, xogos e historias: comunicación poética pura e verdadeira.
Hai críticos que afirman que elas fan espectáculo para emocionar a aquelas persoas que odian a poesía. E abofé foi así!
Desde logo que non falta diversidade nos seus currículum…E afirman que adoran… recitar xuntas. E xa o comprobamos este sábado 28 de febreiro de 2015, porque…a quen non lle motivan títulos como “Onde estea un cubalibre que se quite un soneto“, “Moita poesía, pouca diversión”, “Aladaolado”, “Con dez poemas por barba”, “Cría fama e bótate a correr”.
E así rematou a xornada, ainda que tivemos tempo de sacar unha foto en conxunto coas persoas que quedaron ás últimas.
E como nos imos de esquecer de Mónica, Keli, Alejandra e Rediet, que tanto e ben organizaron a ludoteca para nen@s? Unha marabilla contar con elas!!!
Pois nada máis amigas e amigos. As ANPAs da Costa da Morte continuamos a afortalar o movemento asociativo das ANPAs, co lexítimo obxectivo de que a educación que deba recibir o alumnado nas nosas comarca – do mesmo xeito que en toda Galiza – non perda calidade; e para que o conxunto da cidadanía, que está a sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.
Non esquecemos que, neste camiño, encontramos moi boas amigas e amigos, colectivos e asociacións cos que optamos por traballar xuntos e mellor, nunha fronte máis ampla, na defensa do Ensino Público e que nos acompañaron este sábado: a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e a Confederación de ANPAs Galegas.
Onte foi unha xornada festiva, porque celebramos dous anos de traballo dunha federación que foi necesaria e agora é xa imprescindible, porque aprendemos para mellorar o noso esforzo como familias en defensa do ensino público, porque agradecemos e premiamos o traballo a prol da inclusión, e porque rimos saudablemente coa poesía e coas poetas coas que rematou o acto.
Os que traballamos nese mesmo eido noutros puntos da nosa xeografía sabemos entender o que estades a facer na Costa da Morte, e valoramos a dedicación, o cariño, e a solidariedade dese traballo como unha contribución inesquecible ao progreso e á felicidade do noso País.
Farían falta moitos e moitas coma vós.