Manter o Consello Escolar como órgano decisorio dos centros educativos
A federación de ANPAs da Costa da Morte, tendo en conta que nos vindeiros días se constituirán (algúns xa están constituidos) os consellos escolares xurdidos das recentes eleccións realizadas ao abeiro da resolución do 19 de setembro de 2014, propón que as ANPAs, sen menoscabo da súa independencia, deberían solicitar da dirección dos centros educativos que os Consellos Escolares continúen funcionando na práctica como o órgano de xestión e control de cada centro educativo.
O anteriormente exposto comprenderá os límites e competencias que se lle atribuían antes da aprobación da Lei 8/2013, no senso de que as novas competencias que nominalmente correspondan á dirección (grazas á aprobación da LOMCE) sexan previamente debatidas no marco dese órgano colexiado. Dese xeito, as decisións corresponderanse cos resultados aprobados pola maioría dos membros presentes no Consello Escolar, reivindicando así o seu carácter de representación democrática da comunidade educativa e asumindo, en tanto se respecte este acordo, a responsabilidade das decisións aprobadas conxuntamente coa dirección deste centro educativo.
A proposta da federación de ANPAs da Costa da Morte sae da iniciativa da Confederación de Anpas Galegas, tendo en conta que o actual curso non é igual que os anteriores, debido a que se aprobou a Lei Orgánica 8/2013 LOMCE e nesa Lei modifícanse substancialmente as bases reguladoras deste órgano colexiado.
Lembremos que os Consellos Escolares naceron para dar cobertura ao mandado do art. 27.7 da Constitución, onde di que “os profesores, os pais e, no seu caso, os alumnos intervirán no control e xestión de todos os centros sostidos pola Administración con fondos públicos, nos termos que a lei estableza”; e esta participación concretábase, entroutras competencias, na aprobación e avaliación do proxecto educativo, das normas de funcionamento, da programación xeral anual, na decisión sobre a admisión de alumnado, na aprobación da obtención de recursos complementarios, etc.
Agora, a nova norma pretende converter ao consello escolar nun órgano simplemente consultivo, excluíndo á comunidade educativa (que tamén conformamos as nais e pais) da toma de decisións sobre o seu propio centro, algo que as familias debemos rexeitar.
Ligazón ao escrito: Escrito de reivindicación democrática dos consellos escolares (2)
Comentarios recentes