Formación sobre accesibilidade nos centros educativos
O vindeiro luns 24 de novembro, 8 integrantes das ANPAs da Costa da Morte (membro da Confederación de Anpas Galegas) e un representante da asociación Aloumiños asistirán a un curso de COGAMI, en Santiago de Compostela, co obxectivo de adquirir os coñecementos necesarios para iniciar un traballo sobre a accesibilidade nos centros educativos da Costa da Morte.
Preténdese detectar as carencias, ou as dotacións que os nosos centros teñen neste eido, e que permiten ou están impedindo a normal e desexada integración nos centros daquelas persoas que, definitiva ou conxunturalmente, teñen calquera tipo de NEAE.
Previamente, acordouse nunha reunión entre a confederación de Anpas Galegas e COGAMI, iniciar o deseño dunha etapa formativa que chegará até cada centro educativo que participe, na procura da implicación directa do maior número de persoas, tanto familias como alumnado e profesorado, non só para mellorar os resultados obtidos, senón para que mesmo o traballo que se faga sexa xa un procedemento de participación que fomente a inclusión que desexamos.
O curso realizarase na propia sede de COGAMI, RÚA MODESTO BROCOS, 7 – Santiago de Compostela
http://www.cogami.es/es/conocenos/contacta-con-nosotros/santiago-sede-central/
Comentarios recentes