Non calamos. As familias queremos solucións xustas para as nosas fillas e fillos!
Na federación de ANPAs da Costa da Morte recibimos numerosas queixas das ANPAs dos diversos concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, como Laxe, Camariñas, Coristanco, A Laracha, Fisterra, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Cabana, Carballo, entre outras localidades, debido aos recortes en profesorado. A estes, súmanse os recortes en atención á diversidade, xa que a Consellaría reduce o profesorado con contratos a tempo total de Pedagoxía Terapeútica, Audición e Linguaxe e Orientación ao suprimir prazas e optar por un sistema de mantemento de docentes itinerantes que teñen que compartir docencia en varios centros, o que vai impedir atender adecuadamente ao alumnado.
Comprobamos que o goberno da Xunta adoptou unha actitude política de imposición e de recortes da calidade do ensino público nun nivel até agora nunca visto, desatenden as necesidades educativas e de atención específica do alumnado dos centros escolares, sobre todo aos centros do ámbito rural, prexudicando ao alumnado con maiores dificultades, atentando contra os principios de igualdade e a non discriminación no ámbito educativo.
Non podemos quedar calados cando se incide cada vez máis nos recortes de profesorado, no profesorado compartido, nas necesidades non cubertas, na falta de continuidade na cobertura das prazas de orientadores, AL e PT.
Ou cando rexeita desde San Caetano reunirse coas familias, ou cando pretende darlle a todos os problemas unha dimensión particular para ver de ocultar a súa auténtica incidencia social…
Ao longo da deste tempo, calquera pode visualizar que a presente política de recortes de persoal e asfixia económica dos centros educativos está a sufrila todo o alumnado, pero con especial incidencia o alumnado de necesidades específicas.
A súa desatención por falta de medios, unha vez que xa nin o profesorado nin as direccións son quen de cubrir a inacción da administración educativa, está provocando un deterioro xeral do noso Ensino Público, fundamentalmente naquilo do que nos sentimos máis orgullosos e seguros: o tratamento equitativo de todas as nenas e nenos.
Queremos dicirlle á administración educativa que, xa que o actual goberno da Xunta, prioriza os recortes, deben comezar pola eliminación das carencias do sistema educativo, moitas delas endémicas e que non son atendidas pola Consellaría de Educación.
Lembramos que o abandono, o desmantelamento e o decrecemento da calidade imposta polo actual goberno no ensino público contrasta coa potenciación que se fai do ensino privado concertado, polo tanto non é un problema de falta de cartos, senón onde e como se invisten por parte de que debería gobernar con responsabilidade.
Os recortes tamén se concretan no incremento dos agrupamentos de alumnado e a masificación de aulas.
En resumo, as familias queremos solucións xustas para que as nosas fillas e fillos, e para todo o alumnado que vai con eles, teñan un futuro proveitoso, que é o que nos compre facer ás nais e pais, un obxectivo que a consellaría de educación debería compartir e non cercenar.
Tendo en conta o anteriormente exposto, na vindeira reunión da federación de ANPAs da Costa da Morte analizaremos, entre os puntos da orde do día, os posíbeis pasos a dar por parte da comunidade escolar da Costa da Morte.
Comentarios recentes