Comezamos de novo. Curso 2014 – 2015
Esta semana, como sinalou a Confederación de Anpas Galegas, comeza un novo curso escolar, as nosas nenas e nenos volverán ir ao colexio, en vindeiras datas ao instituto.
Nós, a nosa federación, tamén comeza este curso, o seu segundo curso completo e queremos comezalo coa mesma ilusión, coas mesmas gañas e co mesmo interese que o farán os nosos fillos e fillas.
O curso pasado aprendemos moitas cousas, ben é certo que tampouco viñamos sen saber nada, e pelexamos en moitas prazas, ao longo do curso:
- Dixemos claramente que queriamos un ensino público galego, laico, gratuíto, conciliador, adaptado, inclusivo…
- Dixemos iso en público, nos medios que nos deron eco, e tamén en reunións particulares e tamén, no ámbito local, @s voceir@s da cada unha das ANPAs integrantes. O importante é falar con tod@s e escoitar a tod@s, para que tamén nos escoiten a nós.
- Defendemos o Ensino Público no Rural con toda a forza que puidemos. Todas e todos sabemos que pechar escolas no rural implica o desprazamento do alumnado aos centros educativos alonxados do seu domicilio, provocando desarraigo do alumnado da súa contorna, a infravaloración da cultura rural e o despoboamento incesante do rural galego.
- Coa nosa presenza en público tamén dixemos outra cousa: pódese traballar xuntos, colaborar e crear espazos de diálogo, somos moitas ANPAs diferentes e fomos quen de nos xuntar polo ben común e compartir as nosas experiencias e as nosas forzas. Pensamos que ese é o noso gran logro, ademais de integrarnos, en igualdade de condicións, na Confederación de Anpas Galegas, a maior confederación de ANPAs de Galiza.
- Participamos nunha ampla campaña de reivindicación do sistema de préstamo universal de libros de texto da confederación, na que conseguimos os acordos das asembleas das ANPAs, nos consellos escolares dos centros de toda Galiza.
Pero fixemos algo máis:
- Defendemos que os consellos escolares teñen que ter capacidade decisoria, non só consultiva.
- Rexeitamos a nova normativa de elección de directores a dedo por parte da administración educativa, queremos participar nesa elección e ter un voto con incidencia real.
- Interesámonos pola situación provocada pola lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local: certamente queremos que a Xunta asuma todos os servizos educativos que hoxe en día prestan os concellos, e mesmo que o faga ampliándoos a toda Galiza, pero queremos que iso ocorra dentro dun plan organizado, cun calendario e cunha dotación económica, non por execución de lei e sen planificación.
- Discutimos sobre educación dixital logo de que a consellaría de educación convocara un experimento que aínda non sabemos a onde vai chegar: estamos a favor da utilización de medios dixitais na educación pero queremos que sexan para tod@s e en todas partes, fornecendo previamente ao profesorado da formación necesaria, cun programa de implantación veraz e responsable e, outra vez, coa dotación económica precisa; non imos calar mentres se pretenda educar ás nosas fillas e fillos dun xeito desigual e discriminatorio.
- Explicamos con claridade porqué o sistema de axuda para a compra de libros de texto non serve para nada, e ten como única consecuencia a dilapidación de diñeiro público, ese que é de todos e que debería ser para todos.
E, sobre todo, por riba de calquera outra consideración ou problema, dedicamos este tempo de vida, do mesmo xeito que viñamos facendo xa dende antes, nas colaboracións previas á formalización da federación, a dicir alto e claro que NON QUEREMOS A LOMCE, que esta lei non é nosa, que a sociedade non a quere, @s docentes non a queren, as familias non a queremos, que é unha lei rexeitada por tod@s, e que se nos está a impor dun xeito antidemocrático e totalitario, unha reforma da lei educativa non pode ser a criterio dun partido político. Debe ser doutro xeito: ten que partir dun grandísimo traballo previo, do consenso das forzas políticas e, sobre todas as cousas, ten que responder á demanda social, ten que ser querida e procurada; e esa demanda social non existe. Este cambio que estamos a vivir non ten futuro e o único que vai traer é tempo perdido para nós e, iso é o máis lamentable, para os nosos fillos e fillas.
Todo isto fixémolo e traballámolo; pero non imos parar aí, este curso comezamos con ilusións novas, e traemos moi vivas as ilusións antigas: continuaremos falando de libros de texto e material escolar até que sexan gratis para todas e todos. Continuaremos reivindicando a nosa presenza en todos os eidos do sistema educativo porque temos que estar onde estean os nosos fillos e temos que estar con forza e con dereitos; continuaremos esixindo que o ensino público se modernice sen deixar a ninguén atrás, porque tod@s somos cada un das nosas nenas e nenos; poñeremos voz ás familias para que se nos escoite, porque a educación d@s nov@s non está completa se nós non estamos alí.
Traballaremos en necesidades especiais, na reclamación da súa atención e no aproveitamento da súa diversidade que é unha realidade que completa e perfecciona a vida das nosas fillas e fillos; volveremos a esixir que paren os recortes no ensino público, e que se debe repoñer o inxustamente recortado nestes anos…
E, por riba de todo, dúas cousas:
- Continuaremos rexeitando a LOMCE e a súa aplicación.
- Reclamaremos a eliminación das carencias do sistema educativo, moitas delas endémicas e que non son atendidas pola Consellaría de Educación. O abandono, o desmantelamento e o decrecemento da calidade no ensino público contrasta coa potenciación que se fai do ensino privado concertado, incluso subvencionando centros que segregan alumnado por sexo. Suprimen 63 unidades e que haberá 6 escolas menos mentres a Consellaría concerta 79 unidades novas no ensino privado, moitas delas en formación profesional básica.
Os recortes tamén se concretan no incremento dos agrupamentos de alumnado e a masificación de aulas. A isto súmanse os recortes en atención á diversidade xa que a Consellaría reduce o profesorado con contratos a tempo total de Pedagoxía Terapeútica, Audición e Linguaxe e Orientación ao suprimir prazas e contratar docentes itinerantes que teñen que compartir docencia en varios centros, o que vai impedir atender adecuadamente ao alumnado.
A estas incidencias hai que engadirlle a existencia de obras sen rematar nos centros ou que non se realizaron.
- En resumo, traballaremos para que as nosas fillas e fillos, e todos os que van con eles, teñan un futuro proveitoso e feliz, que é o que nos compre facer a nais e pais.
Comentarios recentes