Paralizado o peche da escola rural de Carnés, en Vimianzo
A federación de ANPAs da Costa da Morte considera moi positivo que o centro escolar de Carnés continúe aberto neste novo curso escolar e se lle asigne a praza docente que agardaba a veciñanza, as familias integrantes da comunidade escolar, grupos políticos, colectivos sociais e concello de Vimianzo.
Desde a federación, que seguimos este asunto a través das ANPAs da comarca, ademais de toda a información enviada polo portavoz comarcal do BNG da Costa da Morte (Serxio Dominguez), queremos dar os nosos parabéns a todos os colectivos que organizaron e participaron nas mobilizacións en contra do peche da unitaria de Carnés, en Vimianzo.
Todas e todos debemos loitar polo Ensino Público Galego e de Calidade, como base para o futuro das vindeiras xeracións, porque as nosas fillas e fillos non son simples números nuns expedientes, son persoas e teñen os seus dereitos. Por iso debemos manter a escola viva nas zonas rurais.
Pechar escolas no rural implica o desprazamento do alumnado aos centros educativos alonxados do seu domicilio, provocando desarraigo do alumnado da súa contorna, a infravaloración da cultura rural e o despoboamento incesante do rural galego.
Comentarios recentes