Prefires a “gratuidade solidaria” ou o sistema universal de libros de préstamo e material escolar?
Xunta de Galiza estase equivocando co sistema que quere aplicar para a obtención dos libros de texto pois, cos mesmos cartos que o actual goberno da Xunta lle dedica á chamada “gratuidade solidaria”, o anterior goberno bipartito chegaba ao 100% do alumnado dos centros de ensino, co sistema universal de libros de préstamo e material escolar. O sistema proposto polo actual goberno galego (gratuidade solidaria) só dá cobertura a unha limitada porcentaxe do alumnado e produce unha boa liada co banco de libros.
Nesta ligazón (Criticas Banco libros) aparece unha serie de críticas ao bando da gratuidade solidaria que nos fixeron chegar diversas familias e profesorado.
A Confederación de Anpas Galegas (confederación de ANPAs na que estamos integrados), recentemente emitiu un comunicado – diante do silencio da consellería de educación á súa petición de xuntármonos para debater o sistema no que se debe artellar o precepto constitucional de ensino obrigatorio no que atinxe aos libros de texto – pretendendo deixar así sen voz ás preto de 300 ANPAs que participan desta confederación.
Nese comunicado exponse a postura común das Anpas Galegas sobre a actuación do goberno do noso País e a escasa cobertura que lles dá ás familias para a adquisición de libros de texto do alumnado de centros públicos galegos.
A consellería de educación opta por materializar esa axuda a medio da convocatoria dun sistema de axudas económicas vencelladas á un concreto baremo de renda existente na familia o 31-12-2012, obviando os cambios económico-sociais que se puideran producir neste último ano e medio. Sistema de axudas que non dá cobertura máis que a unha porcentaxe das familias, polo que non é universal como a constitución ordena, e desoíndo as recomendacións da Defensora do Pobo que aposta firmemente polo sistema de préstamo universal como método idóneo – económica e educativamente – para garantir esa obriga da chamada Lei Fundamental.
A confederación de Anpas Galegas rexeita asimesmo a futura organización de “bancos de libros” cos libros que se terán que devolver por ter sido adquiridos con subvencións, polos seguintes motivos:
– Introduce desigualdades entre o alumnado: haberá nenos con libros “liberados”, e nenos con libros “que hai que coidar porque hai que devolver”, iso visibiliza a necesidade social e estigmatiza aos nenos e nenas implicados.
– Non garante a igualdade de tratamento nos cursos posteriores, dependendo das axudas solicitadas, e dos libros “recadados”, así serán de completos os futuros bancos de libros.
– Deixa totalmente fóra da cobertura pública a adquisición de calquera material escolar diferente dos libros de texto.
– Sobrecarga de labores administrativas a libreiros e profesores, mesmo os responsabiliza do correcto funcionamento do sistema; estamos así utilizando as horas do persoal docente para facer traballos que non lles corresponden no canto de se dedicar ao ensino, como é a súa función, a súa preparación e o seu interese.
– Converte aos profesores e equipos directivos en policías que deben facer un seguemento dos libros de texto subvencionados porque eles serán quen os teña que recoller ao final do curso.
– É antieconómico, porque non garante a recuperación dos libros, antes ben, a Administración vai iniciar un camiño que levará a unha constante reclamación de obrigas incumpridas, co conseguinte custo administrativo.
– Non dá solución aos cursos nos que se produza un cambio de libros de texto. Neses anos inutilizaríanse todos os libros adquiridos moi recentemente.
– Paradoxalmente inaugúrase o ano no que remata o período de seis anos de vixencia do libros actuais, polo que podería darse o caso de que todos os libros recuperados en xuño de 2015 fosen inutilizables para o curso seguinte, agás de que a Adminsitración modificara esa duración incrementándoa, como esta confederación defende.
– É confuso para as familias, xa que terán libros “para devolver” xunto con outros da súa exclusiva propiedade, xa que a axuda con abonda para adquirir todos os libros necesarios.
– E, sobre todo, continúa sendo unha solución parcial que non aborda o problema de garantir un ensino obrigatorio gratuíto.
Por iso a confederación de Anpas Galegas, respaldada por centos de asembleas, de acordos de consellos escolares, de pronunciamentos de partidos políticos e sindicatos, e dunha completa unanimidade da comunidade educativa, e do acordo da Defensora do Pobo, continúa dicindo, e continuará dicindo, que a Administración Galega debe retornar ao exitoso sistema de préstamo universal de libros de texto, como único medio para que todos teñamos acceso a esa gratuidade constitucional á que temos dereito.
Comentarios recentes