Novas mobilizacións na Costa da Morte contra a LOMCE e contra os recortes no Ensino Público
A Federación de ANPAs da Costa da Morte, como integrante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convoca para o 4 de xuño novas mobilizacións contra a LOMCE e contra os recortes no Ensino Público. O vindeiro acto reivindicativo, na Costa da Morte, terá lugar en Cee e Carballo, ás 19:30 horas.
Ese mesmo día, pola mañá, proporase aos centros que dean lectura a un manifesto que denunciará os recortes e que incluirá un chamamento a non aplicar a LOMCE naqueles aspectos máis nocivos para o ensino público.
Tanto en Carballo como en Cee (cabeceiras de comarca) imos escribir unha carta ao goberno (nun “folio” dun tamaño 5×6 metros) que será redactada polas persoas presentes na concentración.
Nesta carta ao conselleiro e ministro de educación expresaremos a nosa preocupación pola implantación da LOMCE, polos recortes e as repercusións negativas que estes teñen na calidade do ensino e na formación do alumnado, das nosas fillas e fillos. Tamén solicitaremos a volta ao sistema de préstamo universal de libros de texto. E a retirada da LOMCE!!! entre outros reclamos que as persoas asistentes presenten e escriban na devandita carta.
Seguimos dando pasos adiante na defensa do Ensino Público. Para defender o futuro das nosas fillas e fillos todas e todos somos necesarios!!!
Comentarios recentes