Xornadas de Inclusión Educativa FOANPAs
Este pasado sábado, 5 de abril, asistimos ás xornadas que organiza cada ano FOANPAs de Vigo (a federación de ANPAs de Vigo e comarca, integrada na Confederación de Anpas Galegas).
Debatemos, despois das diversas exposicións, coas compañeiras e compañeiros de Anpas Compostela, da federación provincial de Lugo, do Val Miñor e Foanpas – asistentes e organizadora, respectivamente – das ponencias de inclusión educativa- da atención á diversidade, como conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais do alumnado.
Tanto no descanso como ao final das xornadas, Bertila, a portavoz de FOANPAs e coordinadora da comisión NEAE da federación anfitriona, animounos a crear na federación de ANPAs da Costa da Morte a comisión NEAE que tan ben funciona en Vigo como en Compostela. Deste tema tamén falamos na última reunión da Confederación de Anpas Galegas, que tivo lugar en Compostela.
Esta comisión fai unha labor ben importante, pois coordina, colabora e sensibiliza ás ANPAs e familias sobre esta cuestión no entorno educativo ademais de implicar a toda a comunidade educativa (nais e pais, profesionais do ensino, alumnado) .
Xa sabemos que temos traballo xenérico dabondo nas ANPAs da Costa da Morte e que levamos pouco tempo para realizar este traballo tan complexo (e necesario) pero a experiencia das federacións que integran a Confederación de Anpas Galegas corrobora o positivo que resulta para o alumnado, tanto para o que ten necesidades de atención específica como o que non, a creación desta comisión.
Comentarios recentes