Os orzamentos da Consellaría de Educación para o 2.014: recortes no Ensino Público para darllos ao privado.
A federación de ANPAs da Costa da Morte coincide coa opinión de moitos especialistas e representantes do ensino con respecto aos orzamentos do goberno da Xunta de Galiza para o ano 2014.
A rebaixa do orzamento en educación non se lle pode achacar á crise, xa que se destinan millóns e millóns de euros para as empresas privadas de ensino.
O presuposto que pretende aprobar o actual goberno da Xunta afonda no desmantelamento do ensino público e dificulta o acceso universal á educación, multiplica as carencias que padece o sistema educativo e dificulta ao extremo a igualdade de oportunidades. Esa redución orzamentaria, e os recortes educativos en todos os aspectos, conducen ao alumnado máis desfavorecido da nosa sociedade ao abandono escolar temperá, ademais de reducir a calidade da escolarización obrigatoria.
Na actualidade, o 23% da poboación galega están en paro, outra parte (a que aínda ten emprego) ten rebaixado os salarios, os despedimentos están á orde do día, non se crea emprego e en moitos fogares non entra ningún salario. Nesta situación, os orzamentos deberían axudar (no ámbito educativo) ás familias máis desfavorecidas. Pero non é así! Todo o contrario: limitan a adquisición do diverso material escolar, a compra dos libros de texto, ou o acceso ás actividades extraescolares. Por se iso non chegase, o uso do comedor escolar terá que ser sufragado pola maioría das familias.
O proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2014 fíxase en 2.086 millóns e continúa coa tendencia dos últimos anos de rebaixar as partidas destinadas á educación pública. En porcentaxes, redúcense nun 0.93% en relación aos do ano 2013, mentres se transfiren centos de millóns de euros ao ensino privado concertado. E se tomamos como referencia o ano 2009, o decrecemento supera o 33,5%, é dicir, 680 millóns euros menos.
En resumo, o goberno do PP ten a intención de dedicarlle á Consellaría de Educación, nestes orzamentos, 20 millóns menos que no exercicio 2013, 170 menos que no do 2012 e 183 menos que no do ano 2011. O investimento en educación supón un 20.86% dos orzamentos totais da Xunta de Galiza, cando nos anos 2007 e 2008 era do 27%.
As consecuencias deste despropósito recae nas nosas fillas e fillos debido as recortes de profesorado nos centros educativos, ao abandono da atención á diversidade, descoido da atención ás necesidades educativas especiais, a un incremento da ratio do alumnado e substitucións de profesorado sen cubrir. Toda unha infinidade de carencias que reverten negativamente na prestación dun servizo esencial e imprescindíbel como é a educación pública. Exemplos deles temos abondo na Costa da Morte, con centros sen suficiente profesorado, sen coidadoras, sen PTs, sen suficientes AL…Centros educativos que non cumpren as medidas de seguridade…
Esta falta de investimentos diversos e profesionais do ensino é debida á crise? NON. A Consellaría vai transferir directamente 244.7 millóns de euros ás empresas privadas de Ensino, cando eses cartos (sacados dos impostos de todas e todos) debería recaer no Ensino Público (de todas e todos) e non no privado (duns poucos).
2 Responses
[…] tod@s sabedes, desde hai uns anos no Ensino Público Galego estamos a sufrir uns recortes tremendos por unha mala praxe política do goberno galego. Empezouse polo profesorado, continuouse cos especialistas en AL e PT (Audición e Linguaxe e […]
[…] co que non debe concordar o actual goberno da Xunta de Galiza pois,coa súa política educativa, dificultando o acceso universal á educación e multiplicando as carencias que padece o sistema educ…, impide a igualdade de oportunidades e incrementa a vulnerabilidade […]