Sábado 9 de novembro de 2.013: Primeiro Encontro de ANPAs de toda Galiza.
Este fin de semana participamos no I Encontro de Federacións e ANPAS GALEGAS no cal estiveron presentes federacións e ANPAs de toda Galiza (Ferrolterra, Vigo, A Coruña, Cangas, Val Miñor, Santiago de Compostela, Arteixo, Lugo, Costa da Morte, ...)
Este encontro serviu para compartir experiencias entre as federacións e anpas, ademais para deixar constancia de que, como a unión fai a forza, debemos estar todas xuntas para conseguir que o Ensino Público na Galiza sexa democrático, laico, galego e de calidade.
As federacións de anpas e as anpas somos o resultado da unión das familias en defensa do Ensino Público, para que as nosas fillas e fillos teñan dereito a un futuro digno. Temos que ter claro que o noso traballo é moi importante para a nosa sociedade, que non podemos dar un paso atrás nin para coller impulso!
As federacións e ANPAs reivindicamos que todos servizos (programas, comedores, actividades extraescolares….) sexan asumidos pola Administración, como lle corresponde. As nais e pais non somos xestores de actividades, somos voluntari@s que prestamos todo o noso tempo libre a traballar pola educación das nosas fillas e fillos, das fillas e fillos do noso País. Temos moi claro que a existencia das anpas do rural e as anpas da zona urbana son necesarias, mais os servizos que prestan son moi distintos.
O futuro que lle agarda ao ensino no noso País, coa aplicación da LOMCE, é dun gran retroceso, co cal somos conscientes que temos que seguir loitando para conseguir que esta lei non vaia adiante e pelexar por un ENSINO PUBLICO, DEMOCRÁTICO, LAICO, GALEGO E DE CALIDADE.
Comentarios recentes