O Día Internacional contra a Violencia de Xénero non pode pasar desapercibido
Desde a Federación de Anpas da Costa da Morte facemos un chamamento a toda a comunidade escolar para que o Día Internacional contra a Violencia de Xénero non pase desapercibido nestes tempos de crises múltiples e convidamos a participar nas diversas actividades que, desde distintas organizacións da Costa da Morte instan a reflexionar sobre unha das lacras máis execrables da nosa sociedade.
As Nacións Unidas consideran a violencia contra a muller é “todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posíbel ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou privada”.
Nesta declaración recóllese que a violencia contra a muller constitúe unha manifestación de relacións de poder historicamente desiguais entre o home e a muller, que conduciron á dominación desta e á discriminación na súa contra por parte do home. A violencia transcende as diferenzas de ingresos, clases sociais e culturas e debe contrarrestarse con medidas urxentes e eficaces para eliminar a súa incidencia.
Incriblemente, hai millóns de mulleres que sofren violencia, morte ou agresións sexuais e psicolóxicas simplemente por seren mulleres. Desde a federación somos conscientes de que a educación é o primeiro paso para erradicar este tipo de violencia. E non só desde os centros de ensino se debe educar en valores, senón que nas anpas, debemos estar alerta perante comportamentos sexistas no noso día a día ou facer algo tan sinxelamente lóxico como empregar linguaxe non sexista.
No caso caso específico da federación de anpas da Costa da Morte temos pendente solucionar o tema da distribución duns roles que axudan a manter esa nosa propia cúpula de cristal.
Comentarios recentes