O 24 de outubro imos que hai que ir! Folga contra a LOMCE
Manifestacións contra a LOMCE noutras localidades do País
As anpas, federación de anpas, profesorado, alumnado, sindicatos de ensinantes, plataforma galega ou colectivos en defensa do Ensino Público e os diversos sindicatos de estudantes, como membros da comunidade educativa, estamos mobilizándonos contra os recortes no Ensino. A cada paso fomos acadando máis apoio social e creando conciencia necesaria para defender e potenciar o ensino como garantía dunha sociedade máis xusta que loita contra as desigualdades e busca garantir a formación das novas xeracións. O obxectivo, como dixemos outras veces, é claro: na defensa do Ensino Público loitamos polo futuro das nosas fillas e fillos, das fillas e fillos do noso País.
Continuamos e así continuaremos animándovos a non deixarse levar polo desánimo diante das descualificacións que estamos a recibir, do ministro Wert, os distintos colectivos que estamos loitando contra a implantación da LOMCE.
Os improperios emitidos buscan presionar para que non nos mobilicemos contra esa lei, agora que está no parlamento español e que se pretende impoñer a pesar que a maioría social está en contra.
Pode aprobarse, sen dúbida, pois os votos do partido do goberno son suficientes para que naza. Pero nós, a sociedade, que somos máis que os que van aprobar esa retrógrada contrarreforma, pretendemos que, no caso que a LOMCE naza, que naza morta.
A recente constitución da federación da Costa da Morte permitiu a organización colectiva das anpas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, Costa da Morte para seguir pelexando polos dereitos do alumnado, das nosas fillas e fillos, de xeito colectivo e coa suficiente capacidade de auto- organización. Dese xeito, e colaborando con outras federacións de Anpas Galegas, poidamos manter e mellorar un sistema público de ensino axeitado ás necesidades da xente nova do noso País.
E nesa pelexa animamos a participar na folga xeral contra a LOMCE o 24 de outubro e no tempo que resta até ese día, podamos explicar as razóns que nos levan a rexeitar ese pernicioso proxecto de lei.
Manifestacións contra a LOMCE na Costa da Morte:
Carballo: praza do Concello, ás 11:30 h.
Cee: praza 8 de Marzo, ás 11:30 h.
Comentarios recentes