O novo decreto de comedores da Xunta trae problemas para as familias. A necesidade de presentar recurso
A federación de ANPAs da Costa da Morte está comprobando que o novo decreto de comedores complícalle os trámites administrativos ás familias e incrementa o traballo burocrático nos centros de ensino, o que está creando moitos problemas, tanto ás familias como ás direccións nos centros.
Non se incrementa o persoal administrativo nos centros, carga de papeleo ás familias, incrementa a xestión ás direccións que ten que facer horas extras obrigatorias e nuns prazos inasumíbeis. Tampouco incrementa o número de persoas colaboradoras (nais e pais) nos comedores, que están sen ningunha protección social. Ademais, a oferta de prazas que fai a administración é insuficiente polo que moito alumnado ficará sen servizo, facendo imposible a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar.
Nun momento economicamente complicado, o actual goberno da Xunta ataca, aínda máis, ás xa maltreitas economías familiares, co falso argumento de o que máis ten paga. Unha renda familiar per capita bruta de 7.000€/ano pagando libros escolares, comedor, material e logo tes que comer e vivir, é considerada pola Consellaría “unha renda alta”. Dese xeito, as familias re-pagan os comedores, cando debería ser un servizo máis dentro do sistema educativo.
Tamén queremos amosar a nosa indignación porque, mentres se manexan falsos discursos de mellor aproveitamento dos recursos en Educación, a Consellaría ataca aos colexios públicos e premia con escandalosas subvencións aos colexios privados, saltándose a sentenza do Tribunal Superior de Galiza.
Isto amosa a necesidade de derrogar o actual decreto de comedores e que a Consellaría de Educación se faga cargo da xestión directa dos comedores escolares con persoal específico e unha oferta de prazas suficientes, garantindo a gratuidade do alumnado transportado e reducindo os actuais prezos.
Por todo iso continuamos cos trámites para participar, como federación de ANPAs da Costa da Morte, na presentación dun recurso Contencioso Administrativo que presentaremos as federacións de anpas e colectivos integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra o Decreto de 08/2013 de Comedores Escolares.
Comentarios recentes