Contra a LOMCE houbo que mollarse
Santiago de Compostela recibiunos cun sábado de dioivo á Marcha contra a LOMCE. Esta marcha foi convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (na que a Federación de ANPAS da Costa da Morte está integrada). A manifestación tivo como reivindicación fundamental a esixencia de que o Goberno central retire a LOMCE.
Para esta Marcha do 28 de setembro a Plataforma puxo autobuses, desde diferentes comarcas de Galiza, que chegaron a varias puntos de Santiago: Ponte da Rocha, inmediacións do CEIP Lamas de Abade, rúa Boisaca (onde pararon os autobuses da Costa da Morte, Ferrol e Fisterra) e Monte do Gozo. Desde estes lugares, desde os que saímos a pé, ás 10:30 horas en dirección á Praza de Praterías -punto final da marcha. Alí fixemos, ás 12.00 horas, un acto reivindicativo final.
Os manifestantes enchemos a praza para insistir no rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora (recentralizadora), privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática, e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino aos sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade, en palabras de Anxo Louzao, de CIG Ensino.
Continuaron coa lectura varias federacións de anpas amigas (entre as que estaban Ferrolterra, Compostela, Fapacel de Lugo,…) colectivos en defensa do Ensino Público como a AS – PG, sindicatos de estudantes (liga Estudiantil Galega, Galiza Nova, Comités,…)CIG Ensino, BNG, ou o Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público. Alí tamén coincidimos coa federación de anpas do Valmiñor, coas compañeiras da Plataforma en Defensa da Montaña e do Rural, entre outras .
Rematou o manifesto coa lectura por parte de Xosé Antón de la Fuente Subiela, presidente da Federación de ANPAs da Costa da Morte. O presidente subliñou que a LOMCE significa un retroceso de décadas porque elimina a igualdade de oportunidades, ao volver a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace. O Ensino Galego e a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto e un ensino público galego, laico e democrático.
Comentarios recentes