Camiñamos por un Ensino Público Galego de calidade e contra os recortes na Montaña e Rural: a meta.
Fixemos, o sábado 7 de setembro, o último tramo entre Corcubión e Fisterra, con parada en Sardiñeiro para botar ao mar as barquiñas “Mimadriña” contra a LOMCE e os recortes educativos. Participamos na marcha (acompañados de nais, pais, alumnado, profesorado e do deputado do BNG Cosme Pombo) @s integrantes da Plataforma en Defensa da Montaña e o Rural; da federación provincial de anpas de Lugo (FAPACEL); de Nova Escola Galega; membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e da federación de Anpas da Costa da Morte (anfitriona).
Ao chegar ao faro de Fisterra leuse un manifesto reivindicativo da Plataforma en Defensa da Montaña e o Rural, continuando con outras intervencións coincidentes co manifesto onde se expuxo a necesidade de que aos centros de ensino do rural se lles dote do medios materiais e profesionais que precisan para unha educación de calidade, incluíndo especialistas de infantil e primaria, así como o persoal de apoio necesario demandado pola comunidade educativa.
Do mesmo xeito, reiterouse a razón de estar en contra dos peches de centros e a redución de unidades, pois iso implica o desprazamento do alumnado aos centros educativos das vilas e cidades, provocando desarraigo do alumnado da súa contorna, a infravaloración da cultura rural e o despoboamento incesante do rural.
As federación provincial de anpas de Lugo (FAPACEL) e a federación de ANPAs da Costa da Morte, como integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convidaron á participación da marcha (en contra da LOMCE e dos recortes) que se celebrará o do 28 de Setembro en Compostela e expresaron a necesidade de traballar xuntos todos os colectivos sensibilizados na defensa do Ensino Público para tentar paralizar a LOMCE e a política de inxustos recortes que o PP está a realizar para desmantelalo (tanto no goberno da Xunta de Galiza como no goberno central) mentres financia ás empresas privadas de ensino.
Nuns termos semellantes, pero usando como medio a poesía, expresáronse Cosme Pombo, deputado do BNG (que estivo amenizando o percorrido con música de gaita) e un veciño do Incio (Lugo) que na actualidade vive en Arteixo.
1 Response
[…] e FAPACEL un roteiro reivindicativo en defensa do Ensino Público Galego na Montaña e do Rural “Camiñamos por un Ensino Público Galego de calidade e contra os recortes” que rematou o 7 de […]