Rexeitamos o polémico e restritivo real decreto de becas 2.013 – 2.014
http://www.fedanpas.gal/wp-content/uploads/2013/08/RD-Becas-2013-2014.pdf
A federación de ANPAs da Costa da Morte rexeita o polémico e restritivo real decreto de becas aprobado no Consello de Ministros. Un decreto criticado por todo o sector educativo, agás o goberno do PP e o seu entorno.
En agosto vai abrirse o prazo para solicitar as axudas, que xa hai que ter mala fe para poñelo neste mes (cando o alumnado non ten aberto os centros de ensino para poder asesorarse).
Un endurecemento inaceptable
O endurecemento inaceptable dos requisitos para as axudas impedirá o acceso á educación do alumnado con menos recursos, penalizando aos estudantes das clases sociais máis desfavorecidas. Outro acto inxusto e inxustificable, engadido á LOMCE, no camiño de pretender a expulsión do ensino daquel alumnado con menos recursos económicos. O goberno pretende impedir o dereito fundamental á educación reducindo ao máximo a partida económica das bolsas de estudos.
As becas de máis peso, as compensatorias e de residencia (as que levan o 73% do orzamento) e que deberían servir ás familias de menor renda ou para @s que teñen que desprazarse para estudar noutro lugar, están restrinxidas ao máximo.
Segundo cálculos, xa o ano pasado se concederon 10.000 becas menos polo endurecemento das condicións estipuladas e coincidindo co empobrecemento das familias. Agora aínda se restrinxen máis e as consecuencias veranse neste curso que está próximo a comezar. Xa hai enquisas que din que dous terzos do alumnado bolseiro dalgunha das universidades abandonará os seus estudos se non obtén beca.
Requisitos en nota e bolsas para a privada
O decreto contempla unha media de 5 en ensino medio, e 6,5 no selectivo para o estudantado de nova matriculación para accederen ás bolsas. En canto a estudantes que continúen a súa formación universitaria esíxese un 5 para teren exención do pago de matrícula e superar a totalidade dos créditos do curso anterior en todas as especialidades agás as titulacións técnicas para que o que se require o 85%. Se non fora así, esixiríase o 6,5 de nota media e superados 90% dos créditos en artes e humanidades e ciencias sociais e xurídicas. En canto a Ciencias da Saúde requiriríase unha media de 6’5 e superados 80% dos créditos; 6’0 e superados 80% dos créditos en ciencias mentres que en técnicas a nota sería de 6’0 e superados o 65% dos créditos.
Parécenos impresentable que a pesares da redución de prestacións e os recortes en ensino público, o decreto contemple a obtención de bolsas polo alumnado matriculado en universidades privadas, o que ven a demostrar unha vez máis o interese do goberno do Partido Popular por crear unha universidade elitista, só ao alcance duns poucos.
Tamén debemos denunciar o carácter retroactivo do decreto, aplicado xa nas bolsas deste curso. Debido a iso, moit@s estudantes terán que devolver os cartos recibidos por non aprobar o 50% dos créditos que estaban matriculados.
1 Response
[…] da gratuidade nos libros de texto, o novo decreto de comedores, a suba das taxas na universidade, a redución das bolsas ou a suba das matrículas nos […]