Reclamamos a retirada da LOMCE na Comisión de Educación no Congreso dos Deputados
Agora que falta menos dun mes para o comezo do curso escolar, debemos lembrar que o pasado 15 de xullo, iniciouse na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados (Madrid) o debate en pleno da LOMCE.
Anxo Louzao, que compareceu representando a postura dos colectivos galegos que rexeitamos a LOMCE, foi felicitado pola claridade da exposición e por ter tratado os puntos esenciais que explican a nosa oposición á lei Wert. Rematada a exposición, recibiu máis de 40 preguntas dos representantes dos 5 grupos parlamentarios presentes.
Porque estamos en contra da LOMCE
Louzao, na súa calidade de Secretario Nacional da CIG-Ensino, membro do Consello Escolar do Estado e integrante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, manifestou que “o verdadeiro motivo da LOMCE é impregnar todo o sistema educativo dos principios que sustentan a ideoloxía neoliberal e así avanzar na privatización e na mercantilización da Educación.” Sinalou que a LOMCE centraliza e uniformiza o sistema educativo, rexeitando a conformación plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español. Reforza aínda máis a confesionalidade do ensino. Conforma un sistema educativo máis selectivo, elitista e clasista. Segrega o alumnado, mediante itinerarios que o condenan a titulacións diferentes no ensino obrigatorio. Impide o acceso das clases populares á educación. Infravalora a función do profesorado e elimina a xestión democrática dos centros (impedíndonos ás nais e pais a nosa participación ao converter os Consellos Escolares nun órgano simplemente consultivo).
A LOMCE: un sistema educativo cada vez menos equitativo; as reválidas
Por tanto, a LOMCE conduce a un sistema educativo cada vez menos equitativo, que cuestiona o dereito universal á educación, descarta a igualdade de oportunidades, fortalece o papel recentralizador e españolizador, destrúe a diversidade cultural e nega o dereito a ter un ensino científico e laico.
Anxo Louzao fixo fincapé en que “o establecemento da reválidas ao final da ESO e do Bacharelato, como requisito imprescindíbel para conseguir a titulación respectiva que permita acceder ao seguinte nivel educativo, responde, exclusivamente, a unha concepción elitista da educación e persegue unha dobre función: expulsar a unha parte importante do alumnado do sistema educativo e uniformar e centralizar o ensino.” Indicou tamén na súa comparecencia que “A LOMCE contempla a creación de centros de elite, de especialización curricular e de excelencia para un alumnado selecto. As avaliacións xerais de diagnóstico, de etapa e as reválidas tamén servirán para configurar unha clasificación dos centros, atendendo aos resultados escolares do alumnado, cando a extracción social, os recursos familiares, a contorna social e cultural, a porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais e os recursos de cada centro son determinantes para considerar o rendemento escolar.”
Reclamar a retirada da LOMCE
Anxo Louzao rematou a súa comparecencia reclamando a retirada da LOMCE apostando por outro marco lexislativo estatal que se fundamente no recoñecemento e na asunción do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado; que asuma a defensa inequívoca dun ensino público, laico e democrático, que facilite a igualdade de oportunidades e o dereito universal a unha educación de calidade.
1 Response
[…] O 15 de xullo, a través da intervención de Anxo Louzao, (da CIG Ensino e da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público) que compareceu representando a postura dos colectivos galegos, rexeitamos a LOMCE. […]