Camiñamos coa Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural en defensa dun Ensino Público Galego de calidade: penúltimo tramo
Participamos, este sábado 24 de agosto, facendo o penúltimo tramo do camiño de Santiago (percorrido de Hospital –Dumbría a Corcubión) á inversa en defensa do Ensino Público coa Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural (imaxes).
Comezouse este camiño o sábado 13 de xullo na Praza do Obradoiro ás 10 da mañá, onde se leu un pequeno manifesto e os motivos desta forma de protesta, das súas reivindicacións e inquedanzas. Cada fin de semana faise unha etapa do camiño entre Compostela e Fisterra para chamar a atención das administracións, xusto no comezo das clases.
O sábado 7 de setembro realizaremos a última fase entre Corcubión e Fisterra, ás 10 da mañá, e agardamos que participedes o maior número de persoas posíbeis para colaborar nesta fermosa iniciativa da Plataforma.
A Federación de ANPAs da Costa da Morte gustaríanos que fose tan apoiada como a que se fixo en Compostela o pasado ano.
Dende que comezaron os recortes, centos de nais, pais, profesorado, alumnos e simpatizantes deste movemento levan loitando, coma nós, por un Ensino Público, Galego e de calidade, como base para o futuro das vindeiras xeracións, das comunidades, dos pobos, dos paises do mundo enteiro, porque as nosas fillas e fillos teñen dereitos e non son simples números dos que tirar.
Por iso pedimos a maior difusión e participación posíbel. A do sábado 7 de setembro será unha etapa doada e corta, de apenas 14 Kms para que poidan camiñar, tamén, as cativas e cativos que queiran asistir.
O tramo realizado de Hospital a Corcubión foi o seguinte:
Partimos de Hospital (Dumbría). O nome refírese a un hospital de peregrinos fundado no século XII.
– Seguimos á esquerda en dirección á fábrica de hidrocarburos de Ferroatlántica. Saímos a unha rotonda na que se atopa a bifurcación dos camiños a Fisterra e a Muxía. Seguiremos á esquerda, en dirección a Fisterra. Pasada a fábrica de hidrocarburos tomamos unha pista á dereita.
– Cruceiro Marco do Couto. Cruzamos a estrada e seguimos recto, avanzando por camiños a través das peladas montañas de Buxantes.
– Ermida de Nosa Señora das Neves, do século XVIII, emprazada nunha contorna bucólica. Superamos un arroio e seguimos por tranquilas pistas forestais. Vemos por primeira vez o océano Atlántico, aínda afastado, á man esquerda.
– Capela de San Pedro Mártir. É do século XVI. Continuamos na mesma dirección.
– Cruceiro da Armada. Para chegar a devandito cruceiro seguimos 100 metros un carreiro a man dereita. Aquí ábrese á vista a Ría de Corcubión e o Cabo Fisterra, no extremo sur da Costa da Morte. O nome “Costa da Morte”, que se refire a unha comarca natural costeira, ten a súa orixe na “morte” do sol no horizonte. O camiño segue en baixada até os Camiños Chans, onde tomamos á dereita a estrada (rúa Campo do Sacramento), e en Cee á esquerda a rúa da Magdalena.
– Cee. Igrexa de Santa María da Xunqueira.
– Cee. É unha das poboacións máis antigas de Galiza. A igrexa parroquial de Santa María de Xunqueira (século XV, con importantes reformas posteriores), e a Casa do Cotón, pequeno edificio do século XVII situado no centro do pobo, son destacadas nas guías.
– De Cee a Corcubión. Pasamos diante da Casa do Cotón e un cruceiro, e baixamos pola esquerda ao paseo marítimo. Seguímolo até Corcubión.
– Corcubión. Probablemente pararemos xunto á igrexa de San Marcos (século XIV), con fachada e torre reconstruídas (século XIX), na que se conserva a talla policromada de orixe veneciano de San Marcos da Cadeira (século XV), patrón da vila. O núcleo antigo está declarado conxunto histórico-artístico.
Comentarios recentes