Alumnado de recoñecida excelencia rexeita a LOMCE nun acto da USC
Alumnado, á que a USC lle recoñece a excelencia e aproveitamento sobresaínte nos estudos de bacharelato e nas probas de acceso á Universidade, levou posta as camisetas da campaña en contra da LOMCE (da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público) ao acto celebrado no auditorio de Galiza de Santiago de Compostela. Un xeito de rexeitar unha lei que liquida a igualdade de oportunidades, ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría do alumnado acceda á consecución da titulación. Unha lei elitista, antigalega, recentralizadora, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condenan, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral.
A Federación de ANPAs da Costa da Morte lémbralle ao goberno do Estado e ao Goberno Galego ( que non estivo no acto para non recoller as críticas dos discursos) que a LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. Desautoriza e desconfía do profesorado. É un proxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.
Nota: nas fotos aparecen algúns dos alumnos da Costa da Morte que recibiron as felicitacións do Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.
Comentarios recentes