13 de xuño: música, poemas e manifestos contra a LOMCE na Costa da Morte
o día 13 de xuño, imos celebrar un acto en contra da LOMCE nas cabeceiras de comarca da Costa da Morte: Cee e Carballo.
Estes actos expansivos, convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público van realizarse en toda Galiza e a agardamos que outras comunidades copien esta iniciativa.
Para a súa organización estamos contactando con diferentes persoas para que participen no mesmo, lendo un parágrafo do manifesto, contribuíndo coa actuación musical ou recitando poemas en contra desta lei anti – educativa chamada LOMCE.
O acto estará dividido en tres partes moi dinámicas:
– primeiro: actuación/óns musical do/ dos grupos musicais participantes e lectura das coplas contra a LOMCE.
– segundo: recital poético con poetas da comarca para a súa lectura e interpretación
– como peche do acto iría o manifesto e decálogo contra a LOMCE .
A federación de anpas da Costa da Morte, outras federacións de anpas e colectivos integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estamos a mobilizarnos contra o chamado anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa e queremos amosar o noso total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino aos sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.
Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal, que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todo o alumnado teña acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.
Comentarios recentes