O venres represivo do goberno central contra o Ensino Público
O goberno central aproveitou a celebración do día de hoxe (onde as galegas e galegos celebramos As Letra Galegas e reivindicamos o dereito a usar con normalidade o noso idioma) para cometer o maior atropelo contra o Ensino Publico.
Un venres reivindicativo en Compostela sinónimo de vida, de esperanza, atopouse co venres represivo do ensino público aprobado polo goberno de Madrid. Este “desgoberno”, a través do Consello de Ministros, aprobou a mal chamada Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), a sétima norma nos últimos 37 anos para a súa remisión ás cortes. Unha lei cunha absoluta falta de acordo en torno á reforma que provocou e seguirá a provocar protestas da comunidade educativa.
A federación de anpas da Costa da Morte reitera que a LOMCE supón afondar na privatización do ensino, impoñendo unha ideoloxía neoliberal que afoga o sistema educativo galego e do resto do estado, aumenta a confesionalidade, liquida a xestión democrática dos centros, expulsa ao alumnado en idade temperá e pon en tela de xuízo o dereito á educación.
A folga do 9 de maio contra a LOMCE amosou que toda a comunidade educativa galega e do resto do estado a rexeita, por ser una contrarreforma ao servizo das clases dominantes, mantendo unha elite poderosa e ben formada, e á maioría social no umbral da pobreza e cun baixo nivel de formación. Desde a federación de ANPAs da Costa da Morte, que forma parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, seguiremos realizando un intenso labor de información e mobilización contra a LOMCE. Do mesmo xeito que fixemos numerosos actos e accións como xornadas, charlas, debates concentracións comarcais e peches rotatorios, seguiremos realizando outros máis para que esta lei destrutora do ensino público non se aprobe no Congreso dos deputados.
Os vindeiros a realizar serán en Vimianzo e Fisterra. Na defensa do Ensino Público loitamos polo futuro das fillas e fillos deste País.
Comentarios recentes