Peches expansivos contra a LOMCE. O peche educativo da Costa da Morte (15 de abril) está centralizado no IES Alfredo Brañas de Carballo.
Como membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estamos a mobilizarnos contra a LOMCE e contra os inxustos recortes na educación pública. A federación de anpas da Costa da Morte imos participar nos peches educativos expansivos contra a LOMCE. O peche da Costa da Morte está centralizado no IES Alfredo Brañas de Carballo, o 15 de abril, a partir das 17 horas.
Convidámoste a participar neste peche. A colaboración entre todas e todos é necesaria para conseguir un mellor futuro para todas as nenas e nenos. Contamos contigo!
Datas e lugares dos Peches
•9 de abril: SANTIAGO (IES Rosalía de Castro)
•10 de abril: A CORUÑA (IES Menéndez Pidal)
•11 de abril FERROL (CIFP Ferrolterra)
•12 de abril A GUARDA (CEIP A Sangriña)
•15 abril CARBALLO (IES Alfredo Brañas)
•15 abril CANGAS (IES Rodeira)
•17 abril LUGO (IES As Mercedes)
•18 abril VERÍN (IES Xesús Taboada Chivite)
•22 abril BURELA (IES Monte Castelo)
•22 abril OURENSE (Xefatura territorial)
•23 abril CAMBADOS (IES Ramón Cabanillas)
•24 abril RIBEIRA (IES Nº 1)
•24 abril VIGO (IES San Tomé Vigo)
•25 abril GONDOMAR (IES Terra de Turonio)
•26 abril PONTEVEDRA (IES Torrente Ballester)
Cales son as razóns da mobilización?
O goberno está desmantelando o ensino público, obstaculizando a aprendizaxe das nosas fillas e fillos ao recortar inxustamente os cartos en educación, eliminar prazas de profesorado e masificar as aulas. Isto incrementa o fracaso escolar e dificulta o futuro para a mocidade. Mentres, aproba concertos económicos con empresas de ensino privado por máis de 240 millóns de euros, que vén a ser o 12% do orzamento da Consellaría de Educación.
Nas nosas comarcas temos falta de profesorado, centros de ensino con necesidades de reparación, outros que incumpren as normas de seguridade, temos e teremos que pagar os comedores escolares, entre outros moitos problemas. Pero o goberno fai oídos xordos a todo isto e financia con diñeiro público a centros privados mentres desmantela o ensino público (de todas e todos).Por se iso fose pouco, o goberno pretende aprobar un decreto lexislativo chamado LOMCE que é unha lei reaccionaria, recentralizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica,antidemocrática e confesional que favorece a expulsión do sistema educativo do alumnado con poucos recursos económicos, que non poden pagarse clases de reforzo extras para superar as 4 reválidas que pretenden implantar. Dese xeito liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras (reválidas) para que só unha minoría con alto poder adquisitivo poda estudar.
2 Responses
[…] ANPA Manuel Murguía do IES Agra de Leborís (membro da Federación de ANPAS da Costa da Morte) convídavos a todas e todos aopeche contra a LOMCE, o vindeiro luns 15 de abril a partires das 17 […]
[…] dos peches rotativos que se están a desenvolver durante todo mes nos centros e datas aprobadas con anterioridade. Na Costa da Morte o peche imos realizalo o luns 15 de abril, a partir das 17:00 horas. Está […]