Enquisa sobre a LOMCE
Cando rematamos a exposición e debate sobre a LOMCE na anterior xornada de formación, na Federación de ANPAs da Costa da Morte adquirimos a certeza de que esta lei é un verdadeiro misil de destrución masiva lanzado contra o ensino público.
Nos temos esa certeza, pero ti que pensas? Queres participar na enquisa sobre a LOMCE? Na columna da esquerda desta páxina tes a nosa primeira enquisa que imos realizar.
A LOMCE pretende que o obxectivo da educación sexa formar man de obra, a ser posíbel ben barata, para o mercado laboral e só unha elite económica e social teña seguro o seu futuro e unha boa formación académica. Unha sociedade cuns poucos ricos e poderosos e o resto da sociedade no umbral da pobreza e pouco formada.
Trátase, en definitiva, dunha lei que non cre na educación como instrumento de mellora social senón como un instrumento ao servizo do mercado, que perpetúa as desigualdades.
De que xeito?
A través de:
1º. AVALIACIÓNS EXTERNAS (REVÁLIDAS).
Son moi caras, un gran negocio. Quen poida pagar clases de reforzo poderá seguir, quen non, queda fóra do sistema educativo. Esta contra – reforma recupera un sistema anticuado e impón catro reválidas, catro exames con carácter externo e contidos comúns para todo o estado. O alumnado terá que superalas se quixer chegar á etapa universitaria. A primeira será aos 8 anos de idade, en 3º de primaria; a segunda, aos 11 anos, en 6º de primaria; e as dúas restantes serán ao finalizar a secundaria e o bacharelato. Estas reválidas serán realizadas por axentes externos que descoñecen a realidade educativa.
2º . CAMBIOS NA ORGANIZACIÓN DA PRIMARIA E DA SECUNDARIA.
– Na Educación Primaria elimínanse os ciclos. Avalíase curso a curso a consecución dos obxectivos educativos, o que esquecendo a evolución heteroxénea e os ritmos diversos da infancia nestas primeiras etapas da escolarización.
– Na ESO anticípanse os itinerarios. Disfrazado de libre elección, aos 14 anos teñen que decidir a súa orientación futura. O sistema de elección temperá dos estudos reduce a equidade do sistema, supón segregación e limita o acceso aos estudos superiores do alumnado.
– En 4º de ESO (15 anos):
– Un itinerario para a FP e outro para o Bacharelato. Substitúese o título actual de ESO, común para todo o alumnado e que dá acceso aos Ciclos Medios e ao Bacharelato, segundo elección do alumnado.
Que alumnado vai elixir a opción de ensinanzas aplicadas?
– O que ten dificultades de aprendizaxe e a familia non pode pagar reforzos privados.
– O que , sen ter dificultades, pola dura situación económica, busca unha saída laboral rápida.
– É unha lei SEGREGADORA e CLASISTA.
3º. ETIQUETACIÓN DOS CENTROS
– Non se trata de autonomía para levar adiante programas que dean resposta ás necesidades do alumnado.
Abre a porta á especialización de centro:
Autonomía para seleccionar o alumnado, convertido en instrumento de prestixio.
Autonomía para poñer por riba o dereito de admisión sobre o dereito á educación.
Refórzase a SEGREGACIÓN: POR ORIXE, POR CLASE SOCIAL, POR CAPACIDADES,…
4º. ELIMINACIÓN DA XESTIÓN DEMOCRÁTICA.
E e liquida totalmente a es¬casa xestión democrática dos centros, que queda practicamente nas mans das direccións. Direccións nomeadas pola administración, sometidas ás súas directrices e cuxas atribucións se incrementan. O Consello Escolar terá funcións consultivas. As nais e pais perdemos o cativiño poder de decisión que tiñamos.
5º. ADOUTRINAMENTO.
É unha lei involucionista e confesional, que recolle as demandas dos sectores ultras da igrexa católica, elimina a obriga de garantir prazas públicas suficientes e incentiva a Relixión Católica en todos os niveis.
No Bacharelato, adquire o rengo de materia específica, ao mesmo nivel que o Debuxo Técnico, as Ciencias da Terra…
En resumo, é unha lei mercantilista, recentralizadora, antisocial, segregacionista e privatizadora ao servizo das clases dominantes e do ensino privado concertado, transmisor da súa ideoloxía.
Comentarios recentes