Carta da federación de anpas da Costa da Morte ao conselleiro de Educación e ao presidente da Xunta de Galiza.
Hoxe presentamos no rexistro xeral da Xunta unha carta ao conselleiro de Educación da Xunta de Galiza, anteriormente enviamos un correo electrónico ao presidente co mesmo texto:
Señor conselleiro de Educación e OU:
Poñémonos en comunicación con vostede para amosarlle a nosa gran preocupación polos orzamentos restritivos en Educación que o Partido Popular vai aprobar no Parlamento Galego e que, con outras medidas políticas que leva a cabo o goberno que vostede representa, condenan ás nosas fillas e fillos, ao alumnado galego, a unha educación de baixa calidade.
Por se non lles chegase a redución realizada en anos anteriores, agora vostedes volven diminuír os orzamentos para Educación, esta vez en 150 millóns, pois pasan dos 2.256 millóns no ano pasado (2012) a 2.106 millóns para o ano 2013. Unha tallada considerábel que representa o 6.6% do total da partida orzamentaria.
Todas e todos sabemos que só través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e conseguir que as xeracións do futuro teñan boa formación académica, ademais de adquirir valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para garantir a igualdade de oportunidades para acadar o obxectivo educativo.
En vez de tomar ese camiño, vostedes van en dirección contraria, xa que proseguen coas medidas emprendidas a partir do ano 2010 de desmantelamento do ensino público galego. É rechamante que os concertos educativos coas empresas de ensino privado reciban máis de 240 millóns de euros, que vén a ser o 12% do orzamento da Consellaría da que vostede é titular.
Debería ser delito que a consellaría agasalle con 49 millóns de euros o ensino privado non obrigatorio e incremente nun 5.8% os concertos educativos na FP, mentres hai miles de rapazas e rapaces que non poden matricularse no ciclo formativo desexado pola carencia de prazas no ensino público. Desde o goberno, e coa adopción das devanditas medidas antisociais, semella que pretenden adiantar os prazos de aplicación da LOMCE, poñendo a educación ao servizo das clases dominantes e do ensino privado concertado.
Señor conselleiro, os orzamentos que pretenden aprobar son tremendamente inxustos, masifican aínda máis as aulas, eliminan prazas de profesorado e PAS, obstaculiza a aprendizaxe, reduce a equidade do sistema educativo galego, limita o dereito á educación das nosas fillas e fillos, coarta o acceso aos estudos superiores do alumnado, colabora na segregación por xénero e dos socialmente desfavorecidos, ataca ao noso idioma, acrecenta o fracaso escolar e dificulta o futuro para o alumnado.
Casos para demostrar isto temos dabondo na Costa da Morte, máis do que calquera persoa con sentido común podería asumir: falta de profesorado, necesidades básicas en infraestructura, centros educativos con necesidades de reparación, infraestructuras educativas que incumpren as normas de seguridade, entre outras moitas eivas. Pero vostedes fan oídos xordos a todo isto e financian con diñeiro público a empresas privadas de ensino, duns poucos, mentres desmantelan o ensino público, de todas e todos.
Por outra banda, poñemos no seu coñecemento que na Federación de ANPAs da Costa da Morte estamos a promover un referendo para que as nais e pais expresen (co seu voto en urna) se queren reclamar, ou non, diante da consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que esa consellería organice un sistema de reutilización dos libros de texto.
As causas son evidentes: a necesidade de que os libros de texto da educación obrigatoria non sexan unha carga económica para as familias.
No actual curso estamos a ver a dura situación na que se atopan as familias debido a crise social e económica, o desemprego e as reducións salariais. As bolsas destinadas á axuda de compra de material son insuficientes para garantir que todo o alumnado estea provisto dos libros de texto e outro material necesario. Esas bolsas non abranguen a máis que o 60% do alumnado, malia a ter un custo equivalente ao modelo de préstamo do goberno bipartito que aseguraba a súa universalidade e gratuidade para todo o alumando do ensino obrigatorio.
Por todo o anteriormente exposto, esta federación de anpas prégalles que non aproben eses orzamentos, para o exercicio do ano 2013, tan restritivos que dificultan o funcionamento dos centros educativos e condenan unha parte importante do alumnado a unha educación deficitaria.
Do mesmo xeito, solicitamos a modificación e incremento orzamentario das partidas económicas asignadas ao ensino, atendendo a criterios que entendan a educación como instrumento de mellora social e para conseguir que as xeracións do futuro teñan boa formación académica no ensino público. A educación non se pode converter nun sistema que perpetúe as desigualdades, grazas aos orzamentos que presentan na súa consellaría.
Comentarios recentes