Así foi a nosa concentración contra a LOMCE
A aprobación da chamada Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) provocou grandes protestas na comunidade educativa. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que están integradas federacións de anpas, celebrou varias concentracións en sinal de protesta na que participaron pais e nais, alumnado, profesorado e sociedade no seu conxunto.
Ademais da celebrada na Costa da Morte (Carballo foi a localidade elixida para a nosa concentración) tiveron lugar outras en Compostela (Praza do Toural), A Coruña (Praza de Pontevedra), Ourense (Xefatura Territorial de Educación), Lugo (Subdelegación do Goberno), Vigo (MARCO), Pontevedra (Praza da Peregrina), O Barco de Valdeorras (Praza do Concello), Ferrol (Edificio Administrativo da Xunta) e Lalín (Praza do Aviador).
Na nosa comarca consistiu na lectura do manifesto, en forma de decálogo, lido por dez persoas integrantes da comunidade educativa (nais e pais, alumnado, PAS e profesorado) onde se rexeitaba a LOMCE.
Na concentración amosamos, con voz alta e clara, o noso total rexeitamento a unha lei recentralizadora, clasista, reaccionaria, privatizadora, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades, afonda nas diferenzas sociais e expulsa do ensino aos sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.
Comentarios recentes