A xornada de formación de ANPAs da Costa da Morte en imaxes
Nunha xornada ben intensa, que comezou ás 17:00 horas da tarde e rematou ás 21:00 da noite do sábado 26 de xaneiro, Loli Fernández Vázquez, Pepe Bustelo Tarrío e Jesús M. Domínguez Fernández falaron sobre a xestión de anpas, nos distintos apartados nos que estaba dividida a primeira parte da I xornada de formación.
Lexislación, Funcionamento, Financiamento, Contabilidade e Protección de datos, con posterior apartado de preguntas dos membros das anpas presentes neste acto, foron as grandes protagonistas das intervencións dos tres ponentes como das asociacións asistentes.
Calquera dúbida puntual que lles xurda a partires deste momento ás directivas ou soci@s das anpas tamén poderá ser contestada a través do teléfono, correo electrónico (correo@fedanpas.gal) ou asistindo ás vindeiras xuntas que celebremos. Como federación, un dos nosos obxectivos é cooperar con todas as anpas que o desexen.
Ás 18:30 h. remataron as intervencións que estaban dedicadas especificamente ás anpas e membros de consellos escolares, do mesmo xeito que ás persoas que pretenden fundar unha anpa.
Tanto este primeiro apartado como o segundo, foi moderado polo secretario da federación de ANPAs da Costa da Morte, Fernando Gesto Montes.
Ás 19:00 horas, despois dun descanso de media hora, comezamos coa exposición da LOMCE, onde María Rei Vilas e Alfonso Varela falaron sobre os terríbeis obxectivos desta lei e os recortes aplicados polo PP desde que goberna.
Poderiamos resumir 2 intensas horas de exposición, preguntas e respostas e debate posterior sobre este anteproxecto do seguinte xeito:
É un proxecto de lei recentralizador, antidemocrático, segregador e elitista, que ataca a igualdade de oportunidades, impide o acceso de todas e todos a unha educación de calidade e pretende, non só favorecer o ensino privado concertado, senón mesmo trasladar o modelo de funcionamento dos centros privados aos públicos, mediante un sistema que somentes servirá para que o ensino perpetúe as desigualdades sociais, cando debería de combatelas.
A LOMCE pon en cuestión o dereito universal á educación, vai impedir o acceso á educación ás clases populares, invade competencias das comunidades autónomas, crea centros de elite para uns poucos e liquida a xestión democrática dos centros.
Esta contra – reforma recupera un sistema anticuado e impón catro reválidas, catro exames con carácter externo e contidos comúns para todo o estado. O alumnado terá que superalas se quixer chegar á etapa universitaria. A primeira será aos 8 anos de idade, en 3º de primaria; a segunda, aos 11 anos, en 6º de primaria; e as dúas restantes serán ao finalizar a secundaria e o bacharelato. Estas reválidas serán realizadas por axentes externos, o que podemos entender como empresas privadas concesionarias.
A participación da comunidade educativa na xestión democrática dos centros, de aplicarse o contemplado neste anteproxecto, experimentará un retroceso tal que nos retrotraerá á etapa pre-democrática. Os Consellos Escolares, por exemplo, deixan de ter carácter decisorio e pasan a ter unicamente, en aspectos ben fundamentais, carácter de órganos simplemente consultivos.
Todas e todos sabemos que só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para garantir a igualdade de oportunidades.
Todas as persoas presentes no debate entendemos perfectamente que a LOMCE é un verdadeiro misil contra o ensino público.
Nota: ás anpas da Costa da Morte acompañáronnos neste acto tan importante para nós, a presidenta e vicepresidente da federación de anpas de Lugo “FAPACEL” (Elvira e Abilio); o presidente e secretaria da federación de anpas de Compostela “Anpas Compostela” (Fernando e Lucía), xunto a outr@s compañeir@s de anpas de Betanzos (Marta e Fran) e Arteixo (Heriberto) como a concelleira do concello de Carballo (Dores Silveira).
Comentarios recentes