Referendo sobre o sistema de reutilización dos libros de texto e material escolar
A federación de ANPAs da Costa da Morte estamos a promover unha reclamación diante da consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que esa consellería organice un sistema de reutilización dos libros de texto e material escolar polas seguintes razóns:
– A necesidade de que os libros de texto da educación obrigatoria non sexan unha carga económica para as familias. No actual curso estamos a ver a dura situación na que se atopan as familias debido a crise social e económica, o desemprego e as reducións salariais. As bolsas destinadas á axuda de compra de material son insuficientes para garantir que todo o alumnado estea provisto dos libros de texto e outro material necesario.
– A seguridade de que o tratamento de materiais que han ser devoltos en boas condicións, para o seu uso posterior, incide positivamente na educación dos nosos fillos e fillas.
– A progresiva implantación, necesaria e así mesmo demandada nesta solicitude, de novas tecnoloxías a utilizar no ensino, será moito máis doada cando o material didáctico non dependa xa da capacidade económica das familias.
Pedímosche entón que participes no referendo que imos organizar nos distintos centros de ensino onde as anpas integradas na federación de anpas da Costa da Morte teñan representación.
A túa anpa non está integrada na nosa federación? Non te preocupes, podemos colaborar coa túa anpa e contigo. Contacta con nós a través de fedanpas@gmail.com. Estamos encantados de colaborar na defensa do ensino público galego.
Comentarios recentes