As ANPAs da Costa da Morte rexeitamos a LOMCE
As ANPAs da Costa da Morte rexeitamos a LOMCE e os ataques permanentes ao ensino público galego por parte do actual goberno do estado e da Xunta de Galicia.
Un ensino público que sufriu unha redución orzamentaria de centos de millóns de euros nos últimos anos, a supresión de unidades, unha redución enorme de profesorado e soporta o desvío de cartos públicos ás empresas privadas de educación, pode recibir o último gran mazazo: a LOMCE. De aplicarse o contemplado neste anteproxecto, experimentará un retroceso tal o ensino que nos retrotraerá á etapa pre-democrática.
Que recentes ataques recibiu o ensino público?
Un ensino público que sufriu unha redución orzamentaria de 425 millóns de euros nos últimos anos, as supresión de centos de unidades, a redución de 2500 profesores e profesoras e, polo tanto, do profesorado dos centros, a redución do profesorado de atención ás necesidades educativas específicas, o incremento das ratios, a non cobertura das baixas do profesorado, a redución da ofertas educativas, a redución desproporcionada das bolsas de estudos, así como o endurecemento dos criterios de acceso ás mesmas, ou o incremento das taxas universitarias que dificultan o acceso e a continuación dos estudos universitarios.
Lembramos que mentres aplican recorte no ensino público, desvían 250 millóns de euros cada ano á empresas privadas de ensino. Baixo as coartadas da crise, do control do gasto público e da redución do déficit, viña xa perpetrándose, antes da aprobación do anteproxecto da LOMCE, un virulento ataque sen precedentes á liña de flotación do sistema educativo público. Por exemplo, no último quinquenio aumentou nun 30% o financiamento público das redes privadas de centros; nos orzamentos do Estado para 2013, a rebaixa das partidas destinadas a educación supera o 31%; para o 2015, a caída no investimento educativo será desde o 4,9 ao 3,9 do PIB…. Dese xeito, o anteproxecto da LOMCE vén ser o ataque final.
Porque estamos en contra da LOMCE?
A Anpas da Costa da Morte estamos en contra da LOMCE por ser un proxecto de lei recentralizador, antidemocrático, segregador e elitista, que ataca a igualdade de oportunidades, impide o acceso de todas e todos a unha educación de calidade e pretende, non só favorecer o ensino privado concertado, senón mesmo trasladar o modelo de funcionamento dos centros privados aos públicos, mediante un sistema que somentes servirá para que o ensino perpetúe as desigualdades sociais, cando debería de combatelas. Por outra banda, o anteproxecto preséntase desde a máis absoluta unilateralidade, sen ningún proceso de diálogo previo.
É unha lei completamente inxusta e inxustificada, que non vén acompañada de ningunha investigación ou diagnóstico serio do que está a acontecer e sen unha mínima radiografía rigorosa de que puntos fortes e débiles ten o noso sistema educativo.
E á comunidade educativa aféctalle no seu funcionamento?
A participación da comunidade educativa na xestión democrática dos centros, de aplicarse o contemplado neste anteproxecto, experimentará un retroceso tal que nos retrotraerá á etapa pre-democrática. Os Consellos Escolares, por exemplo, deixan de ter carácter decisorio e pasan a ter unicamente, en aspectos ben fundamentais, carácter de órganos consultivos.
Liquidando o dereito universal á educación
A LOMCE pon en cuestión o dereito universal á educación, vai impedir o acceso á educación ás clases populares, invade competencias das comunidades autónomas, crea centros de elite e liquida a xestión democrática dos centros.
o primeiro anteproxecto de lei educativa que, por exemplo, pretende dar carta sistemática de natureza ao desvío de fondos públicos a centros privados que segregan e discriminan alumnado en función do sexo, mesmo que haxa sentenzas xudiciais que teñan sentado clara doutrina contraria nese sentido. É tamén o primeiro descaradamente recentralizador, cabe dicir, unitarista e uniformista, elevando do 55% ao 65% os contidos comúns do horario escolar en comunidades autónomas con lingua propia e competencias seica exclusivas en Educación, como é o noso caso, e do 65% ao 75% nas restantes.
As externas e anticuadas reválidas da LOMCE
A LOMCE recupera un sistema anticuado e impón catro reválidas, catro exames con carácter externo e contidos comúns para todo o estado. O alumnado terá que superalas se quixer chegar á etapa universitaria. A primeira será aos 8 anos de idade, en 3º de primaria; a segunda, aos 11 anos, en 6º de primaria; e as dúas restantes serán ao finalizar a secundaria e o bacharelato. Estas reválidas serán realizadas por axentes externos, o que podemos entender como empresas privadas concesionarias.
As reclamacións da igrexa e as empresas privadas de ensino
Con esta normativa, a relixión católica é materia específica, gozando por tanto de máis importancia que a nosa lingua propia, atendendo a unha reclamación da Conferencia Episcopal. Tamén atende outra reivindicación das empresas privadas de ensino, ao ampliar desde os catro até os seis anos a duración mínima do concerto educativo na etapa da primaria.
A xenofobia con rango de lei
Esta contrareforma educativa coloca a posibilidade de que aquelas nais e pais que queiran escolarizar as súas crianzas en español poderán facelo en centros privados, sendo o goberno autonómico, con cartos públicos, o que se encargue de sufragar os seus gastos de escolarización en empresas privadas de ensino, incumprindo o propio Estatuto de Autonomía (1981) e a mesma Lei de Normalización Lingüística (1983). É dicir, ampárase e promóvese o dereito á barbarie e á xenofobia con rango de lei, á cal temos que contribuír todas e todos nós cos nosos impostos.
5 Responses
[…] Clica aquí para acceder á ligazón da análise […]
[…] ANPAs da Costa da Morte fan un completo análise no que explican por que rexeitan a LOMCE e critican os ataques ao ensino público. Nel destacan a redución orzamentaria de 425 millóns de euros nos últimos anos, as supresión de […]
[…] está en marcha a nova Federación de ANPAs da Costa da Morte. E entidade, en pleno proceso de constitución, xa realizou varias reunións, a última celebrada o […]
[…] Porque estamos en contra da LOMCE? […]
[…] Porque estamos en contra da LOMCE? […]