A necesaria implantación dun programa de reutilización de libros de texto
Neste curso 2012-13 estamos a ver a delicada, ou directamente desesperada, situación económica na que se atopan as familias debido a crise social e económica, a insoportable taxa de desemprego e as reducións salariais. As bolsas destinadas á axuda de compra de material son insuficientes para garantir, neste contexto, que todo o alumnado estea provisto dos libros de texto e material accesorio necesarios para levar a cabo as tarefas académicas do curso.
Pero ademais, a reutilización de libros de texto ten outras vantaxes para a educación do alumnado: apréndese o respecto e coidado do material e o consumo responsable en vez de a tan arraigada conduta do “usar e tirar”, coas dúas vertentes económica e ecolóxica .
Aínda así, e entendendo que se trata de optimizar recursos, propoñemos algunhas suxestións para un correcto funcionamento do sistema:
– Os departamentos de cada centro deberían asegurarse de que se merquen só os libros que realmente se vaian utilizar.
– Non é necesario que os libros se renoven cada catro anos, sempre que os contidos non necesiten ser actualizados.
– Se as editoriais e a consellería saben que os libros están destinados a ser utilizados para préstamo, o deseño e as actividades propostas deben axustarse a ese obxectivo para favorecer a correcta utilización do material e a viabilidade das tarefas que se propoñen.
– Así mesmo, deberíase propiciar o uso das novas tecnoloxías e reducirse o material en papel.
Polo tanto, dadas as circunstancias e racionalizando o sistema, a consellería de Educación debería implantar un sistema de reutilización de libros de texto para todo o alumnado do ensino infantil, primaria e secundaria dos centros públicos, que promovera a igualdade, a solidariedade, a responsabilidade e o respecto ao medio ambiente entre toda a comunidade escolar.
Comentarios recentes