NON á LOMCE! A inxusta lei Wert que incrementará o fracaso escolar
Publicamos este primeiro artigo fusionando o que analiza Jurjo Torres – un dos maiores expertos mundiais en educación (profesor na universidade da Coruña) – o que expresou Anxo Louzao, responsábel de CIG-Ensino, o maior sindicato de ensino no noso país, e o que nos comentou María Rei, profesora no IES Agra de Leborís da Laracha.
A chamada lei Wert é unha das leis máis inxustas que vimos na democracia. Unha lei completamente inxustificada, que non vén acompañada de ningunha investigación ou diagnóstico serio do que está a acontecer coa lei vixente; sen unha mínima radiografía rigorosa de que puntos fortes e débiles ten o noso sistema educativo. Que problemas temos e que posibles medidas correctoras serían aconsellables.
Esta reforma contra a educación rebaixará a calidade do ensino impedindo a igualdade de oportunidades entre o alumnado de estratos sociais con distinto poder adquisitivo. Incrementará o fracaso escolar e expulsará do sistema educativo a aquel alumnado con maiores dificultades. Por outra parte, as nais e pais perderán poder de decisión, quedando só co dereito a opinar na comunidade escolar, recaendo todo o mando na dirección do centro de ensino.
O anteproxecto de reforma educativa, LOMCE, aprobado polo goberno conservador do partido Popular, é unha proposta recentralizadora na medida en que usurpa as competenciasdas autonomías. Reduce dun 45% ao 35% o dereito para fixar currículos que até o de agora lle correspondía á Consellaría de Educación da Xunta.
Esta é unha das leis máis inxustas que vimos na democracia. Unha lei completamente inxustificada, que non vén acompañada de ningunha investigación ou diagnóstico serio do que está a acontecer coa lei vixente; sen unha mínima radiografía rigorosa de que puntos fortes e débiles ten o noso sistema educativo. Que problemas temos e que posibles medidas correctoras serían aconsellables.
Esta reforma da wertguenza que establece avaliacións externas aos centros de ensino xa en 3º de primaria e revalidas ao final das etapas educativas, responde a unha visión franquista totalmente clasista e elitista da educación que afonda na exclusión dos sectores sociais máis desfavorecidos, desaparece a avaliación continua e as cualificacións finais dadas polos profesionais do ensino.
A reforma está pensada como unha carreira de obstáculos para penalizar o dereito á educación do alumnado pertencente á maioría social. Inicia a segregación do alumnado desde 2º da ESO, curso no que se pode iniciar a Formación Profesional Básica, ao final de 3º da ESO o estudante terá que decidir se orienta os seus estudos á FP ou ao Bacharelato. Promóvese a segregación a través da elección de itinerarios de maneira excesivamente temperán, e sen posible retorno, co obxectivo de reducir ao máximo o alumnado que cursa estudos Bacharelato e reforzar o ensino privado concertado.
Baixo a denominación de “autonomía dos centros” preténdese facer un ranking de centros educativos en función dos resultados do alumnado sen considerar o contexto socioeconómico e as súas carencias. Os resultados serán tidos en consideración para a dotación de recursos e poden chegar a terse en conta incluso para fixar as retribucións do profesorado. Tamén se pretende eliminar ou reducir a carga lectiva de certas materias, entre as que non se atopa a relixión. Pártese da visión da Educación como competición e ademais preténdese xestionar os centros como empresas. Baixo a afirmación de profesionalizar ás direccións agáchase e eliminación da xestión democrática dos centros e a elección de directores, sendo o Consello Escolar un órgano consultivo en vez de decisión..
En definitiva trátase dunha reforma educativa que suporá menor calidade do ensino, maior desconsideración do profesorado, unha maior privatización e maior centralización. Suporá maior fracaso escolar e expulsará do sistema educativo en idade temperá a unha parte importante do alumnado
1 Response
[…] http://www.fedanpas.gal/2012/10/non-a-lomce-a-inxusta-lei-wert-que-incrementara-o-fracaso-escolar/ […]